Partido Popular de Lugo

Castiñeira presenta ao partido unha lista «gañadora, renovada e preparada» para gobernar Lugo

Lugo, 8 de abril de 2011.- O candidato do PP á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira presentou esta tarde ao partido unha lista «gañadora, renovada e preparada» para gobernar o Concello a partir do vindeiro 22 de maio.

O presidente provincial José Manuel Barreiro salientou que «estamos diante do equipo de goberno do Concello de Lugo a partir do 23 de maio» e subliñou como as principais virtudes da candidatura a súa pluralidade e a que reúne todas as sensibilidades. En definitiva, dixo o presidente, «son un fiel reflexo do sentir da rúa».

Pola súa banda, o candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira foi presentando un a un aos 28 membros da súa lista, «integradora e renovadora a partes iguais», xa que ao mesmo tempo que incorpora 10 caras novas nos 15 primeiros postos, todos os concelleiros do GMPP durante o mandato 2007-2011 figuran nunha candidatura «profundamente equilibrada e ecléctica». Tamén insistiu nos cinco eixos da súa candidatura: a creación do emprego, a xestión económica responsable, a mellora na política social, o reequilibrio dos barrios e o freo da oleada de roubos e inseguridade cidadá.  

Tanto o presidente provincial coma o candidato á alcaldía de Lugo coincidiron en sinalar que «aínda que o equipo é o mellor posible, sen os afiliados non funciona», polo que instaron aos membros do partido a traballar a prol do éxito «onde os políticos non podemos chegar», xa que «as victorias compartidas saben moito mellor». Barreiro concluíu que «estreamos equipo, estreamos sede… e a partir do 22 de Maio ogallá estreemos tamén goberno».

Serie Lugo Quere.- Castiñeira aproveitou o acto para presentar aos membros do partido os primeiros vídeos da serie Lugo Quere. Trátase dun serial no que irá expoñendo con vídeos as medidas do seu programa. Os primeiros capítulos céntranse no emprego e na seguridade, xa que son a día de hoxe o maior problema que teñen os lucenses. As emisións poden localizarse na rede de Youtube, introducindo no buscador da canle de vídeos «Lugo Quere Emprego» ou «Lugo Quere Seguridade».