Partido Popular de Lugo

O PPDEG LAMENTA O REXEITAMENTO DO BNG A UNHA EMENDA QUE INSTABA A PRIORIZAR ÁS EMPRESAS DA ZONA AFECTADA POLA PRAGA DO NEMATODO DO PIÑEIRO NAS LIÑAS DE AXUDA DA XUNTA

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2011.- O PPdeG lamentou hoxe o rexeitamento do BNG a unha emenda a unha iniciativa nacionalista e que imposibilitou a aprobación da mesma,  na que instaba ao Goberno da Xunta a priorizar ás empresas da zona afectada pola praga de nematodo do piñeiro, dentro das liñas de axuda que se convoquen, independentemente dos fondos ou da Consellería, a fin de dotar de infraestructuras necesarias para incrementar a viabilidade do sector forestal e instalar, en caso de ser necesario equipos de tratamentos de madeira.

Durante o debate da iniciativa a deputada popular  Emma Álvarez Chao, encargada de defender a emenda popular, acusou aos portavoces da oposición de incorrer en ilegalidade ao afirmar que saían camións da zona sen control sanitario e non o denunciar as autoridades pertinentes.

Emma Álvarez Chao  indicou que nestes momentos o importante é clarificar canta superficie queda totalmente rasa ou como se van a financiar os custos derivados tendo en conta que se vai producir unha gran rexeneración natural , tanto de piñeiro como de frondosas nas zonas de corta, e que é necesario facelo viable a medio e longo prazo. Así na iniciativa popular tamén se pedía  priorizar aos propietarios forestais da área de cuarentena establecida ao declarar a praga nas ordes de axuda da Dirección Xeral de Montes relativas a recuperación do potencial forestal incluíndo novas reforestacións e, ou, traballos silvícolas.

Segundo Emma Álvarez “tamén consideramos oportuno divulgar e prestar o apoio técnico necesario para reorientar a recuperación do territorio afectado pola declaración da presencia do nematodo do piñeiro en Galicia e, no caso de que se volva á actividade forestal, a través de agrupacións de propietarios forestais, nomeadamente, a través das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR)” e así o incluíron na emenda. Para a deputada popular  estas Sociedades son a mellor ferramenta de cara ás propiedades particulares para abordar unha solución estructural e integral da zona.