Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR AVOGA POR REXEITAR A INSTALACIÓN DUN PARQUE EÓLICO NA SERRA DO GALIÑEIRO EN CASO DE QUE CONTRAVEÑA A ORDENACIÓN TERRITORIAL, URBANÍSTICA, ELÉCTRICA OU AMBIENTAL

Santiago, 5 de abril de 2011.- O Grupo Popular avoga por rexeitar a instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro en caso de que na tramitación para a mesma se poña de manifesto a existencia dalgún tipo de actguación que contraveña a ordenación territorial, urbanística, eléctrica ou ambiental. Así o puxo de manifesto hoxe en Comisión parlamentaria a deputada Emma Álvarez Chao, quen presentou unha emenda nese sentido a unha iniciativa do PSdeG. Na emenda tamén se instaba á Xunta a estudiar as características xeolóxicas, medioambientais, paisaxísticas e da fauna da Serra do Galiñeirom, co fin de estimar si cumpren os criterios de protección establecidos pola Comisión Europea e, en caso positivo, proceder a incluír ese espazo dentro da zona de ampliación da Rede Natura 2000.

No debate da iniciativa socialista, a parlamentaria popular defendeu que a Xunta aposte pola compatibilidade de usos “sen que iso afecta ao Plan Eólico de Galicia”. Porque, engadiu, “aqui a cuestión non é só molinillos si ou molinillos non, impacto ambiental si ou impacto ambiental, no”, senón que “no fondo desta cuestión está a política enerxética”. Así, argumentou que “non debemos despreciar que a enerxía eólica é un dos elementos fundamentais para os desenvolvementos enerxéticos”.

PRODUCIÓN DE ENERXÍA.- Nese sentido, lembrou que o 36,7% da produción de enerxía en España depende de produtos petrolíferos ou gas natural, “e a ninguén se lle escapa a crise que se está a sufrir neste momento nos países arábicos e o impacto que iso ten na nosa economía”.

Na súa intervención, a deputada popular resaltou a importante actividade realizada pola comunidade de montes de Vincios e polas de Chaín e Peiteiros, con cuxos representantes mantivo unha xuntanza o pasado mes de novembro.

Doutra banda, Emma Álvarez destacou que a prevalencia de montes de utilidade pública está regulada polo Decreto 260/1992, que regula a Lei 13/1989, de montes veciñais en man común.