Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia que, se é elixido alcalde, buscará solucións para evitar atravesar o Parque Marcos Cela, tal como pretende Orozco

Lugo, 5 de abril de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou que, no caso de saír elixido rexedor nas vindeiras eleccións do 22 de Maio, buscará solucións para evitar que o enlace da nova ponte coa cidade atravese o Parque Marcos Cela. No pleno de onte, quedou «moi claro» que Orozco pretende que a conexión chegue a Pintor Corredoira.

Castiñeira volve situarse, outra vez, a carón dos lucenses, polo que, con independencia do que acorden e do que asinen Orozco e Blanco, o enlace non atravesará a zona verde se el é elixido alcalde. «Existe unha preocupación veciñal e social contra a opción elixida polos socialistas», manifestou Castiñeira.

Estación de autobuses.- Ao popular a situación lémbralle o ocorrido coa recalificación da estación de autobuses que pactaran o alcalde e o Ministerio de Fomento para a construción da nova estación intermodal. Naquel momento, Castiñeira amosou que estaba á altura da situación e negociou co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que a Xunta asumise parte do custe da nova dotación e así evitar as 3 torres de 9 alturas que planteaban os socialistas.