Partido Popular de Lugo

Feijóo: “Galicia quere e pode ter unha alternativa pero non pode perder o tempo nin o diñeiro”

 

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2011.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que “Galicia quere e pode ter unha alternativa pero non pode perder o tempo nin o diñeiro”. 

No acto de presentación dos 315 candidatos do PPdeG para as eleccións municipais celebrado en Santiago de Compostela, Feijóo fixo fincapé en que Galicia quere unidade e pode tela con proxectos estables como o dos populares; quere compromiso e pode telo se opta por este partido e quere responsabilidade; e pode tela en cada unha das decisións que nos permita adoptar. 

Segundo lembrou, Galicia quixo celebrar o mellor Xacobeo da súa historia, con menos recursos que nunca e puido a pesar do abandono do Goberno central; quixo cooperación cando en España se celebraba unha folga xeral e acadou o diálogo social, quere máis e mellores hospitais públicos e centros de saúde e pode telos cunha xestión responsable; quere unha entidade de aforros de referencia e pode tela porque ten actuado con rigor e responsabilidade e se o Goberno por fin se comporta así. 

A RETIRADA DE ZAPATERO.- Segundo Feijóo, os populares queren o mellor posible para os nosos concellos e país, en cambio o PSOE mantén para España o que non quere para si, que é Zapatero. Con respecto a isto, indicou que un partido comprometido non pode desfacerse do seu presidente e deixalo de presidente do Goberno de España. 

Nesta liña, asegurou que onte o PSOE desfíxose de Zapatero porque os socialistas cren que así xa non será un problema para o PSOE pero o peor é que segue a ser un problema para España. Para o líder do PPdeG, o Presidente do Goberno quixo facerlle un favor ao seu partido pero, por responsabilidade, debería estender ese favor a España. 

Por outra banda, apuntou que España non está agora para que haxa un Consello de Ministros convertido nun casting de sucesores e que o único que ten feito Zapatero onte é dicir que el non vai ser quen reciba o castigo que merece nas urnas. 

Polo tanto, se non convoca eleccións, o seu castigo nas urnas deberán recibilo outros: cada un dos candidatos do PSOE que aplaudiron día a día a súa xestión, cada un dos candidatos do PSOE cos que comparte siglas e cada un dos candidatos do PSOE que durante estes últimos catro anos trataron de imitar, desde os concellos, a súa forma de gobernar. 

Así mesmo, Feijóo indicou que tanto quixeron esconder a Zapatero que el acabou por borrarse do cartel pero non poderá borrar a súa mala xestión nin cada un dos deprezos que ten mostrado a esta terra nin vai poder borrar, aínda que non se presente, a derrota que democraticamente merece nas urnas. Por iso, se Zapatero decidiu escaparse das Xerais; será nas Municipais onde os cidadáns expresarán a súa opinión. 

UNHA DATA.- O líder do PPdeG indicou que os cidadáns queren de todos os partidos o mesmo: esforzo, traballo e responsabilidades, pero tamén esperan unha data para cada un dos partidos. Así, dos nacionalistas, os cidadáns agardan que se sitúen dunha vez por todas na data na que estamos; dos socialistas, a da despedida do presidente do Goberno; e dos populares, que acheguen a España a data da recuperación, e ese é o único obxectivo do PPdeG desde a Xunta, desde os concellos e desde o Goberno de España. 

OS POPULARES, PARTE DA SOLUCIÓN E NON DO PROBLEMA.- Segundo Feijóo, a recuperación non será posible mentres se presida desde a improvisación, o bandazo, a frivolidade e a discriminación; nin o será con quen nos levou a esta situación. Por iso, afirmou que é preciso saír cunha nova guía, con políticas alternativas e todos xuntos e non demorar máis o inicio dese camiño. 

Con respecto a isto, salientou que desde a Xunta de Galicia xa se marcou ese camiño, que é dicir a verdade, xestionar a realidade, adiantarse á austeridade e eficiencia e actuar con responsabilidade e, desde os concellos deberáse facer o mesmo. 

Deste xeito, estáse amosando unha alternativa, segundo o dirixente popular, na que os cidadáns poidan confiar e que saiba sacar o máximo rendemento aos recursos públicos. 

Para Feijóo, xa abonda de perder o diñeiro e de perder o tempo; e non hai máis perda de tempo e de diñeiro que os bipartitos que saen contra as urnas, posto que nos fan perder diñeiro cos seus soldos e contrasoldos; coa súa publicidade e a súa contrapublicidade; cos seus asesores e contraasesores; co seu alcalde e o seu contraalcalde e con divisións, disputas e descoordinacións. 

Para o líder do PPdeG, é fundamental, por tanto, ser parte da solución e non do problema e asegurou que, ante aqueles que se cren donos dos concellos e cidades, os populares serán empregados dos seus propietarios, que son os veciños; e ante os que cre que a política consiste en alimentar egos; eles alimentarán a esperanza do seu pobo cunha política de unidade fronte aos que están divididos, e de cooperación.

A PRIMEIRA OBRIGA DOS ALCALDES QUE SE PRECISAN.- Feijóo apuntou que os concellos galegos precisan de alcaldes que defendan os intereses do seu pobo, e non as indefendibles actuacións do Goberno de España; que pelexen por un pobo con máis oportunidades, non co seu tenente alcaldes; e que se rodeen do seu pobo; e non de ducias de asesores. 

Con respecto a isto, o líder do PPdeG dirixiuse aos 315 candidatos e díxolles que gañar as eleccións non é a súa primeira obriga, senón a segunda. A primeira, segundo Feijóo, é presentar o mellor proxecto posible para o cadanseu concello; o equipo máis válido e máis comprometido; estar ao servizo dos seus veciños; e contribuír á solución dos problemas e á recuperación.

O presidente dos populares galegos subliñou a importancia de plasmar decisións responsables nun programa útil par aos cidadáns e que non sexa para presentarse chegado o día das eleccións; senón que sirva para xestionar os catro anos seguintes, sen prometer imposibles, senón facendo todo o posible.