Partido Popular de Lugo

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS SEGUEN A OPOÑERSE AO SENTIR MAIORITARIO DO SECTOR E DEFENDEN A PAGA EXTRA PARA ALGUNHAS MARISCADORAS

Santiago, 1 de abril de 2011.- Socialistas e nacionalistas seguen a opoñerse ao sentir maioritario do sector e continuan a defender a recuperación da paga extra de 557 euros que viñan recibindo un grupo de mariscadoras que pese a cumprir 65 anos non teñen dereito a pensión por non ter cotizado o tempo mínimo legalmente establecido. Os populares lamentan que as forzas do bipartito non atendan ao expresado polas distintas federacións de confrarías de pescadores e varios pósitos que, durante os últimos días, veñen insistindo na improcedencia desta reivindicación e sinalando a baixa representatividade do colectivo sindical próximo ao PSOE (AGAMAR) que continúa defendendo este pagamento extraordinario.

ABONO ÍNTEGRO DO RECIBO Á SEGURIDADE SOCIAL.- Os populares, a través do seu voceiro do Mar Jose Manuel Balseiro, rexeitaron a recuperación desta paga extraoridanaria –tal e como pedía o PSOE na Comisión de Pesca do Parlamento- pero insistiron que, como ata o de agora, a Consellería do Mar seguirá abonando o recibo íntegro da Seguridade Social de todas aquelas mariscadoras que, tras chegar á idade de xubilación, non teñen dereito a recibir pensión. “O único que se suprime, polo tanto, é a paga extraordinaria que viñan recibindo a maiores, e que supón un agravio comparativo e unha situación de desigualdade que beneficia a algo máis dun cento de mariscadoras, en detrimento do resto do colectivo e profesionais do mar que pagaron relixiosamente os seus recibos da seguridade social”.

O PSOE ACONSELLABA NON COTIZAR.- Os populares lembraron finalmente que foi o PSOE quen fai anos aconsellou ás mariscadoras que non cotizaran á seguridade social e polo tanto, os causantes desta problemática. De feito recordaron que este era o consello que daba a exconselleira de Pesca, Carmen Gallego, cando era a secretaria xeral de AGAMAR.

UNHA SITUACIÓN DE AGRAVIO.- A situación que defenden PSOE e BNG estaba a dar lugar a feitos tan improcedentes, nun contexto de restricción orzamentaria, como que as  mariscadoras beneficiarias desta paga extraordinaria cobraban mais que as súas compañeiras en activo. De feito mentres que as mariscadoras en activo están a gañar de media en Galicia uns 7.700 euros anuais, ás que cesaron na súa actividade, se lles estaba aboando preto de 11.000 euros ao ano dende a Administración Autonómica.