Santiago, 29 de marzo de 2011.- O Instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Lugo, acolle mañá mércores, a primeira das charlas que a Asociación de Exdeputados do Parlamento de Galicia ofrecerá ao longo deste ano en diferentes centros de Secundaria de Galicia no marco da celebración do 30 aniversario da Cámara Autonómica.
Na sesión de mañá, que se desenvolverá a partir das 11,00 horas, tomarán parte os exdeputados Manuela López Besteiro (PPdeG), Margarita Rodríguez (PSdeG-PSOE) e Alberte Xulio Rodríguez Feixóo (BNG).
A día de hoxe, unha trintena de centros de Ensino Secundario de toda Galicia teñen manifestado xa o seu interese en acoller unha charla deste tipo. En cada unha destas actividades participará un representante de cada un dos partidos con representación no Parlamento de Galicia.
Con esta programación, enmarcada no 30 aniversario da institución, o Parlamento de Galicia busca darse a coñecer entre os estudantes galegos, tratando de superar o descoñecemento que rodea a algunhas das institucións democráticas e buscando superar, tamén, o desinterese que en ocasións suscita a vida política.