Lugo, 29 de Marzo de 2011.- O voceiro do PP Jaime Castiñeira esixiu esta mañá en rolda de prensa a Orozco medidas urxentes e inmediatas para garantir a seguridade cidadá, xa que o socialista é o máximo responsable da Policía Local. «Só lle pedimos que cumpra as funcións que ten asignadas», recalcou o popular.
Castiñeira amosouse «profundamente preocupado» ante a oleada de roubos e inseguridade cidadá que vive o Concello ao tempo que explicou que «un alcalde de verdade estaría preocupado porque todos os días sexamos portada dos xornais por esta situación». Os populares levan tempo advirtindo desta situación e asegurou que «Lugo ten o que sembrou Orozco, quen, inda por riba, está mirando para outro lado». Castiñeira instou ao alcalde a «por primeira vez, en 12 anos, poñerse á fronte dos problemas que preocupan aos veciños do Concello».
O popular fíxose eco da nova aparecida na prensa de hoxe na que os veciños da Fonte dos Ranchos formarán patrullas nocturnas para vixiar a zona. «É o fiel reflexo de cómo funciona a seguridade no noso Concello», xa que «para Orozco a Policía Local só foi un órgano para poñer á fronte asesores seus cobrando 271.000 euros». «Era cuestión de tempo e víase vir», manifestou Castiñeira, quen se referiu á policía como un corpo «desestruturado, sin dirección e sen axentes na rúa».
Castiñeira matizou que os problemas de inseguridade non se cinguen a esa zona e fíxose eco de que nos últimos días se produciron roubos en zonas tan diversas da cidade coma a Ronda das Mercedes, Nicomedes Pastor Díaz, Marina Española, Poeta Cabanillas, Augas Férreas, Aceña de Olga, O Ceao, na Muralla, Salvador de Madariaga, Rúa Tui entre outras. O popular concluíu que «Lugo é unha cidade segura está ben para un slogan, pero a realidade é outra ben distinta».
Lei Electoral.-
Castiñeira tamén se refiriu á modificación da Lei Electoral, que aplaude, coa expectativa de que Orozco «por fin» se deixe de tanta propaganda e se dedique a xestionar e traballar a prol dos lucenses. Respecto ás intencións do alcalde de retirarse a un monasterio de Samos, o popular invitouno a retirarse ao seu despacho e dende alí traballar para resolver os numerosos frontes que ten abertos en materia de inseguridade cidadá, en desemprego, nas listas de espera de centros sociais, na débeda municipal que se duplicou dende a súa chegada ao poder, os numerosos conflitos xudiciais na área de persoal, o caos de tráfico. «Se quere traballar, ten moito por ónde empezar», emprazouno o popular.
Ademais, expresou que «mentres Orozco protesta pola lei Zapatero, eu seguirei gastando Zapatilla». O popular argumentou que «os veciños o que agradecen é poder falar contigo, non só verte na prensa».