Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia medidas contra o paro xuvenil, melloras na seguridade nocturna das zonas de movida e programacións continuadas de ocio para mocidade

Lugo, 25 de Marzo de 2011.- O candidato do PP á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira adquiriu esta pasada noite un triple compromiso coa xente moza do Concello: combater o paro xuvenil, mellorar a seguridade nocturna das zonas de movida e facer unha programación desestacionalizada de concertos e diferentes actividades de ocio. O popular foi adquirindo estes compromisos a respostas das preguntas que lle formularon os máis novos durante unha xuntanza nun pub da zona de Augas Férreas.

A maioría dos participantes coincidiron en subliñar a súa preocupación polo paro xuvenil, xa que Lugo non escapa á realidade nacional de ser o país cunha maior taxa de desemprego entre os máis novos. Castiñeira anunciou que o seu programa incorpora varias medidas encamiñadas a atallar o desemprego da xuventude: a construción do viveiro de naves municipais nas Gándaras, a axilización de trámites municipais, un Plan Municipal de Emprego, un Rexistro Municipal de Empresas, un Plan de Apoio e Dinamización ao comercio tradicional.

Outra cuestión que lles preocupa moito é a da inseguridade cidadá, xa que notan un repunte na violencia nocturna dende que comezaron a saír, fai un par de anos. Algúns dos presentes mesmo confesaron ter sufrido roubos nocturnos, polo que lle preguntaron ao candidato popular qué medidas baralla para atallar este problema. Castiñeira reiteroulles o compromiso de devolver a Policía Local á rúa e poñela de novo ao servizo dos veciños, ao tempo que se amosou «día a día máis preocupado» ante a sucesión da vaga de roubos. 

En terceiro lugar, os mozos tamén se queixaron de que Lugo queda illado para a programación de concertos dos grandes grupos. Nese senso, Castiñeira falou da necesidade de desestacionalizar os espectáculos e que teñamos opcións de ocio durante todo o ano. O popular expresou a súa confianza en que o auditorio poida albergar, durante o próximo mandato, concertos que hoxe non se poden celebrar no noso Concello.

A xuntanza, que se celebrou nun pub de Augas Férreas a pasada noite, transcorreu de xeito «moi dinámico e moi participativo», segundo subliñou Castiñeira. No encontro interviron preto de 60 ou 70 mozos e representantes de asociacións xuvenís e culturais como Xaqedrum, Juven San José, Bugallo, Ateigo, Sagrado Corazón, Lumieira, Gatos Roxos, a Tuna de Veterinaria e Intercultural horizontes, entre outras. Á marxe do paro, a inseguridade cidadá e a necesidade de concertos, tamén pulsaron a opinión de Castiñeira sobre o Punto de información Xuvenil, a figura dos radares xuvenís nos institutos, o transporte público, o acceso á vivenda ou a situación económica do Concello.