Partido Popular de Lugo

OS SOCIALISTAS DAN UNHA NOVA MOSTRA DE INCOHERENCIA AO PEDIR UN MODELO DE REORDENACIÓN FORESTAL DESPOIS DE NON APOIAR O PASADO ANO UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR NO MESMO SENTIDO

Santiago, 24 de marzo de 2011.- O Grupo dos socialistas de Galicia deron hoxe unha nova mostra de incoherencia na Comisión parlamentaria de Agricultura ao pedir un modelo de reordenación forestal despois de non apoiar o pasado ano unha iniciativa do Grupo Popular no mesmo sentido.

 

Así o puxo de manifesto a voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez, no debate da iniciativa socialista, no que lembroulle á deputada do PSOE Sonia Verdes que “tivo vostede a oportunidade, o 23 de febreiro do ano pasado, de votar a favor dunha iniciativa deste grupo onde se pedía a creación dunha figura agrupativa de propietarios forestais, co fin de constituír explotacións forestais econommicamente viables e sostibles ambiental e socialmente”. Porén, os socialistas decidiron absterse naquela ocasión.

 

Doutra banda, Emma Álvarez lembroulles tamén aos socialistas que o Decreto de regulación das agrupacións de propietarios forestais foi publicado xa no DOG, concretamente onte, e que as UXFOR “quedaron derrogadas no momento en que se aprobou a Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2011 e a Lei de Acompañamento”. Así mesmo, a voceira de Montes do Grupo Popular destacou que cando se derrogaron as UXFOR non había ningunha constituída como tal “nin tampouco ningunha solicitude formalizada”.

 

INCENTIVOS

 

O decreto publicado onte xa dá cumprimento, tal como argumentou Álvarez, á petición dos socialistas de promover un modelo de reordenación da propiedade, polo que a dita petición quedou “anticuada”.

 

Igualmente, salientou que os incentivos e instrumentos de apoio público para a xestión conxunta tamén están recollidos no decreto, que prevé subvencións ás sociedades inscritas no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal para cumprir os requisitos esixidos para a inscrición definitiva; subvencións de ata o 100% dos gastos para a realización da concentración privada das propiedades, para os custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns e para os de redacción do instrumento de planificación da xestión forestal; e de ata o 70% para os custos de execución de infraestruturas comúns.

 

Ademais, o decreto prevé que terán prioridade no acceso ás subvencións de fomento forestal os traballos silvícolas e preventivo, así como gastos de xestión.