Lugo, 24 de marzo de 2011.- O deputado autonómico Jaime Castiñeira avanzou esta mañá en rolda de prensa que levará unha proposición non de lei ao Parlamento galego na que instará á Xunta de Galicia a considerar como «prioritaria» a construción dunha residencia de maiores no Concello de Lugo no Mapa de Infraestruturas Sociais.
Castiñeira explicou que a iniciativa popular amosa que «dende o primeiro momento, o PP sempre foi favorable á construción da que sería a terceira residencia de maiores».
En calquera caso, os populares cren que a ubicación desta dotación social debe ser decidida polo Concello e tendo en conta o desenvolvemento da cidade, dos propios barrios e tamén cál é a mellor situación para os anciáns que queden aloxados alí.
Castiñeira expuxo que viría a completar as infraestruturas deste tipo, polo que agarda que todos os grupos con representación parlamentaria o apoien. Ademais, o voceiro afirma que «hai moitas posibilidades» de que a Cámara galega logre sacar adiante esta proposta.
Comisaría ou xeriátrico.- O popular aclarou que o PP nunca plantexou en termos de debate excluínte se facer unha comisaría ou un xeriátrico, xa que cre que ambas infraestruturas son necesarias e complementarias. Castiñeira segue sostendo que a ubicación idónea da Comisaría Nacional de Policía é no actual edificio de hospitalización. Por iso, opina que se debe manter un debate «sosegado e tranquilo» para o que «a precampaña electoral non é o mellor momento».
Castiñeira matizou que «nós non nos negamos a ningún uso que se decida», polo que emprazou aos outros partidos políticos a adoptar unha postura madura.