Partido Popular de Lugo

Castiñeira critica que Orozco non se interesase polo enlace da nova ponte coa cidade durante a visita de onte de José Blanco

Lugo, 23 de marzo de 2011.- O voceiro do GMPP Jaime Castiñeira Broz, amosou a súa decepción diante do novo prexuízo e dun agravio provocado por Orozco aos veciños de Lugo e doutro caso máis no que o rexedor antepón os seus intereses por cumprir co seu partido en lugar de respectar aos lucenses.

O voceiro popular lamentou a actitude do alcalde que “se quedou mudo e nin sequera abriu a boca” pese a que o seu compañeiro de partido, José Blanco, “mentiu” con respecto ao seu compromiso anunciado públicamente o 16 de Abril de 2010. Fai case un ano, o Ministro de Fomento, e alumno do rexedor, anunciou que antes de decembro do ano pasado ía someter a exposición pública o proxecto do acceso alternativo á Volta da Viña e licitar as obras cun orzamento de 4 millóns de euros. “Un ano despois seguimos sen saber nada”, puntualizou Castiñeira.

Os populares insisten en que hai un acordo plenario, adoptado a instancias do PP, para que esta conexión non se faga destrozando o parque de Marcos Cela. A este respecto, Castiñeira manifestou o seu desexo de que “se teña en conta” e agarda que a decisión non se aprace ata despois das eleccións.

Castiñeira lamenta que o alcalde non dea a talla neste asunto e lémbralle como se “inmolaba” cando estaba o Ministro de Fomento do PP Álvarez Cascos polo retraso na execución das obras dos convenios das travesías,  mentres que é incapaz de preguntarlle ao seu alumno e Ministro amigo por onde vai trazar o acceso á cidade dende a ponte do Miño.