Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO DE GALICIA PIDE, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, QUE O ESTADO HABILITE UN SISTEMA DE CONTROL E SEGUIMENTO DAS DESCARGAS QUE PERMITA COÑECER O CONSUMO REAL DAS DISTINTAS COTAS PESQUEIRAS

Santiago, 22 de marzo de 2011.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos favorables do  PP e do BNG e a abstención do PSOE, unha iniciativa do Grupo Popular na que se reclama ao Estado que articule, dunha maneira sinxela e clara, e de xeito coordinado coas Comunidades Autónomas afectadas, un sistema de control e seguimento de descargas que permita coñecer, día a día, o consumo efectuado sobre as diferentes cotas de pesca, especialmente da xarda, asignadas para a flota do Cantábrico Noroeste.

COMPROBAR SE EXISTIU SOBREPESCA.- O Parlamento de Galicia reclama tamén ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño que esclareza si se superou ou non o límite de cota de xarda durante o 2010 tal e como defende a Comisión Europea. Os populares sinalaban na exposición de motivos da iniciativa que o Ministerio non debía limitarse a “dar por certos sen máis os datos que ofrecen desde Bruxelas” e instáballe a comprobar se están ou non ben contabilizados.

DEVOLUCIÓN EN DEZ ANOS.- De acreditarse que existiu exceso no límite de cota de xarda durante o 2010, o Parlamento de Galicia ofrece tamén unha solución alternativa, que o Goberno central promova unha modificación do Regulamento comunitario, o 165/2011, para que, en vez de devolver a cota correspondente durante os próximos cinco anos -como establece hoxe a normativa vixente- poidan facelo nun prazo máis amplo -de dez anos- efectuando a compensación de xeito escalonado. De empregarse este procedemento a incidencia negativa para a frota  galega sería menor, mentres que, de xeito contrario, o máis probable é que moitas embarcacións non teñan máis remedio que deixar de pescar xarda tras o esgotamento da cota.

MILES DE PERSOAS AFECTADAS.- Os autores da iniciativa, os deputados Jose Manuel Balseiro e Manuel Ruíz Rias significaron que desta pesquería depende o futuro de miles de tripulantes e armadores galegos, do sector do arrastre do litoral e do cerco, que xa se están a ver afectados polo peche prematuro ordenado polo Ministerio. Os populares lembraron que falamos ademais dunha flota xa de por si castigada polo recorte das cotas pesqueiras en 2011, tras o fracaso da negociación efectuada polo Goberno central no último Consello Europeo de Ministros de Pesca celebrado o pasado mes de decembro.