Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LÉMBRALLE AO PSOE QUE A XUSTIZA AVALA A XESTIÓN REALIZADA POR PORTOS DE GALICIA NAS INSTALACIÓNS NÁUTICAS DE SADA

Santiago, 22 de marzo de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, reclamou á deputada socialista Mar Barcón que retirara a súa moción plenaria e rectificara nas súas acusacións contra a xestión efectuada por Portos de Galicia nas instalacións náutico-deportivas de Sada, “sobre todo despois dos últimos pronunciamentos xudiciais”.

TRANSPARENCIA E METICULOSIDADE.- Balseiro lembrou que a xustiza avalaba “en cada fase do procedemento” a xestión realizada polo ente público autonómico na concesión outorgada ao clube náutico de Sada e que, en consecuencia, “as insinuacións do Grupo Socialista respecto de que se tiñan producido irregularidades caren de todo sentido”. O voceiro popular sinalou incluso que a senteza do xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Santiago, establece no seu corpo argumental que existen “probas fehacientes da transparencia e meticulosidade” no proceder da administración autonómica.

Os populares tamén lamentaron que o PSOE estea máis preocupado por “fabular contra a verdade”, que en garantir o correcto funcionamento dos servizos e das instalacións náuticas de Sada –“un dos portos deportivos máis importantes de España”-. Neste senso insistíu en que se está a traballar para que as instalacións de Sada funcionen a día de hoxe con total normalidade.

IRISARRI E PARGA AVALARON OS PASOS DADOS.- Balseiro sinalou o “fracaso” da deputada socialista Mar Barcón “no intento de enfangar toda esta cuestión, e involucrar nela ao deputado popular Carlos Negreira, “cuxa xestión está amparada pola razón xudicial” e lembrou tamén que todos os pasos dados polos actuais responsables da Xunta de Galicia foron avalados no seu día por cargos públicos socialistas: Vicente Irisarri, que por entón asinou o outorgamento da concesión ao clube náutico de Sada, e a Jacinto Parga, quen estableceu o modelo que se está a seguir para o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo que no seu día anulou a concesión orixinaria.

CONCESIÓNS DE 30 ANOS CO VISTO E PRACE DO CONCELLO.- O Grupo Popular quere insistir neste punto ante a reiteración de informacións falseadas efectuadas pola deputada socialista desde a tribuna: Portos de Galicia mantén o modelo de execución de sentencia que se acordou baixo o goberno bipartito. A folla de ruta é a que eles estableceron e simplemente existe unha modificación na aplicación destas directrices no tocante ao outorgamento do periodo de concesión aos arrendatarios de Marina Sada, que pasa a ser de 30 anos. Os populares non comprenden como é posible que se cuestione esta decisión cando foi votada favorablemente no Consello de Administración de Portos de Galicia, polos representantes socialistas –entre eles a deputada  provincial  lucense Lara Méndez- “ao entender que un período máis amplo de concesión, ofrece maior seguridade xurídica e garante máis tempo para que poidan desenvolver o seu plan de negocio ás empresas que alí están a xerar riqueza e emprego. 

Desde o Grupo Popular tamén sinalaron que estas novas concesións contan co visto e prace do Concello de Sada  quen informou os expedientes e, polo tanto, co aval do bipartito que neste municipio goberna. Un Concello que tamén está a traballar conxuntamente coa administración autonómica na determinación do plan de usos do porto de Sada.