Partido Popular de Lugo

Castiñeira sospeita que o PSOE pretende enlazar a nova ponte coa cidade atravesando o parque Marcos Cela

Lugo, 21 de marzo de 2011-. O voceiro do PP Jaime Castiñeira ofreceu esta mañá unha rolda de prensa no entorno da nova ponte sobre o Miño para transmitir as súas sospeitas de que o PSOE pretende enlazar a infraestrutura coa cidade atravesando o Parque Marcos Cela.
Castiñeira pediulle a Orozco que exerza de alcalde e que aproveite a visita do señor Blanco na xornada de mañá para pedirlle explicacións, «dunha vez por todas», de «cáles son as verdadeiras intencións do Ministerio no que respecta á conexión coa zona urbana». Neste senso, o popular lembrou que o Ministro de Fomento se comprometeu en abril de 2010 ante os empresarios lucenses a facer unha conexión alternativa á da Volta da Viña, que cuantificaba en 4 millóns de euros e que debía estar sometido a información pública nese propio mes de abril. Blanco mesmo anunciaba que as obras serían licitadas antes de fin de 2010.

Os populares xa presentaran unha iniciativa ao pleno do 3 de Maio do ano pasado para que se aclarase este punto. Naquel momento, Orozco dixera que el «non tiña máis información que a dada polo Ministro na cena», pero os populares cren que «un alcalde de verdade» debería interesarse por un asunto que marcará o futuro de Lugo, en especial da zona de Magoi, e repercutirá na fluidez circulatoria da cidade. Neste senso, Castiñeira cre que Orozco é un «Zapatero 2» que dá bandazos e di que, a día de hoxe, «non ten excusas para non ter información». «Non pode ser que un alcalde non saiba o que pasa no Concello e menos aínda que 11 meses despois non se preocupara por informarse», resumiu. Os populares animan ao rexedor a amosarse igual de reivindicativo co seu goberno amigo de Madrid que como o fai coa Xunta de Galicia: «un alcalde ten que ser colaborador pero tamén reivindicativo, con independencia das cores políticas das outras administracións», concluíu.

Castiñeira opina que os lucenses temos dereito a saber se o enlace vai atravesar o Marcos Cela e se temos un alcalde que non se entera e que vai a rebufo. Por iso os populares rexistraron unha iniciativa de cara ao vindeiro pleno do 4 de abril na que instan ao Ministerio a clarificar se hai algún tipo de estudo ou proxecto que contemple o enlace coa cidade, ao tempo que reiteran o acordo adoptado o ano pasado para que o Ministerio dese esa información.

Congreso dos Deputados.- O Ministerio de Fomento aínda non respostou as preguntas rexistradas o 22 de abril de 2010 polo deputado lucense Joaquín García Díez nas que pedía aclaracións dos accesos á cidade. Os populares ven un afán de ocultar información aos veciños do Concello, xa que o propio Ministro presumiu de que ía acortar os prazos da ponte e recoñecía que o estudo informativo xa estaba realizado.