Barreiros, 11 de marzo de 2011.- Alcaldes, portavoces locais, deputados autonómicos e outros cargos públicos do Partido Popular da Mariña lucense, concentráronse esta tarde diante das instalacións do parque de bombeiros de Barreiros cun dobre obxectivo: Por unha banda, reclamar a contribución decisiva e imprescindible dos gobernos do PP para a apertura destas instalacións contraincendios e tamén, para denunciar o “veto” do Presidente da Deputación, Gómez Besteiro, a varios alcaldes desta formación política que non foron convidados ao acto de inauguración do parque de Barreiros que tivo lugar no día de onte.
O secretario provincial dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro Orol, sinalou que a actitude de Besteiro, “vetando a varios alcaldes do PP, pese a que forman parte do Consorcio Provincial de Bombeiros”, supón ademais dun claro exemplo de sectarismo político e de falta de respecto institucional, unha mostra de evidente “desprezo aos veciños dos concellos aos que estes rexedores representan”. Besteiro esquece ao non invitar a varios alcaldes polo feito de ser do PP, “que por riba da cor política, estas persoas son os máximos representantes dos seus veciños, daqueles que, cos seus impostos, puxeron os cartos que fan posible a creación destes parques de bombeiros”.
ESCASO RIGOR DEMOCRÁTICO.- O secretario dos populares lucenses sinala tamén que non é a primeira vez que o Executivo bipartito provincial amosa “o seu escaso rigor democrático e impregna os seus actos protocolarios do tufo partidista” pero esta vez “sobrepasou os límites do admisible”.
DISIMULAR A CONTRIBUCIÓN DECISIVA DO PP.- Paralelamente os populares quixeron poñer de relevo a contribución decisiva dos gobernos do PP para que hoxe A Mariña lucense dispoña destes parques contraincendios. De feito sospeitan que a intencionalidade final do “veto aos alcaldes populares por parte do Presidente da Deputación “era disimular que durante os catro anos de goberno monocolor, de bipartito –tanto na Deputación, como na Xunta- foron incapaces de abrir os parques contraincendios e non só iso, senón que boicotearon e atrasaron o cronograma previsto polo PP”.
Os populares sinalan que tivo que regresar o PP á responsabilidade de goberno na Xunta, para darlle o impulso decisivo á apertura destas instalacións: “Así o fixemos no seu inicio, aló polo 2005, cando moitos dos alcaldes do PP, moitos dos vetados polo Sr. Besteiro, iniciaron os pasos para a creación deste servizo. E así o volve a facer o PP hoxe, xa que, grazas ao Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, deuse o impulso definitivo para a apertura destas parques, como tamén para a licitación das instalacións de Viveiro, que durante catro anos o bipartito foi incapaz de levar adiante”.