Partido Popular de Lugo

Castiñeira invita a Orozco e Bao a non enganar aos lucenses e levar un programa conxunto ás eleccións, logo do seu «coincidente rexeitamento» á comisaría no barrio da Residencia

Lugo, 18 de marzo de 2011-. O voceiro do PP Jaime Castiñeira invitou esta mañá en rolda de prensa aos candidatos do PSOE e do BNG a concurrir ás eleccións do 22-M logo do seu rexeitamento coincidente á proposta do PP de trasladar a Comisaría Nacional de Policía ao barrio da Residencia, de xeito que se puideran paliar os efectos negativos que tivo para a zona o traslado do complexo hospitalario.

Aos populares non lles parece normal que o PSOE e o BNG desboten a iniciativa do PP «só porque vén do PP». Ademais, sosteñen que «non se debe plantexar en termos excluíntes: ou comisaría ou xeriátrico», xa que o PP reitérase en que apoian a creación dunha residencia para a terceira idade. Con todo, opinan que esta zona non é a mellor para esta dotación que piden socialistas e nacionalistas, xa que un xeriátrico supón menor dinamismo e menor actividade socioeconómica da que representa unha Comisaría. Por iso, os populares non entenden que ambos partidos se neguen a falar dun uso alternativo «sen nin sequera consideralo».

Por outra banda, Castiñeira agradeceu o apoio dos profesionais, que onte mesmo cualificaron de «fabulosa» unha proposta que tamén tivo moi boa acollida entre os 150 comerciantes e veciños do barrio que se deron cita na xuntanza co presidente provincial do PP José Manuel Barreiro e co candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira, quen apelou á «serenidade e ao sentido común» para que, polo menos, se dignen a ter en conta unha iniciativa de «tal trascendencia» e con moito respaldo social.

O popular quixo insistir en que Orozco é o único responsable de garantir a seguridade da zona a través da Policía Local que, neste momento, non ten orde de patrullar o barrio. Fronte a isto, a Policía Autonómica patrulla catro veces ao día. Tamén se referiu para o socialista para matizar que era coñecedor do traslado dende o ano 1999 e que, ao longo dos 12 anos, non se preocupou de dar un uso alternativo, polo que advirte «falta de planificación dun alcalde que deixou este barrio abandonado ata que lle puido servir para facer demagoxia».

Castiñeira tamén anunciou na rolda de prensa que fará chegar unha copia da proposición aos veciños e comerciantes da zona «en aras á transparencia» e a que saiban de primeira man que o Partido Popular apoia e está coas necesidades deles.