Lugo, 16 de Marzo de 2011-. A secretaria da Xunta Local do PP Lourdes Yáñez atribuíu ao nerviosismo do PSOE ante a proximidade das eleccións as «desafortunadas e falsas» declaracións postas en boca de Carlos Ferreiro.
Yáñez restoulle credibilidade ás palabras desta persoa, «xa que non deixa de ser un asesor pagado por todos os lucenses que primeiro estivo no Concello como enlace co partido, cobrando 23.000€, como lle debía de parecer pouco, marchou á Deputación a traballar non se sabe ben en qué pero, iso si, subindo o seu salario ata os 60.000€». A Secretaria da Xunta Local cre que «Ferreiro é a persoa menos indicada para facer estas valoracións» e preguntouse se o de hoxe é o preludio da campaña «tan limpa» que pediu e anunciou o seu xefe de filas, o señor Orozco.
Yáñez reafirmouse en que Castiñeira é un candidato moi querido polo seu partido, como amosa o apoio masivo que recibiu nas eleccións como presidente da Xunta Local. No tocante á elaboración da lista, é o propio candidato quen marca os tempos, sen interferencias externas, e «moito menos dos asesores dos señores do PSOE». «O PP cumprirá os tempos que marca a lei», e lembrou que Castiñeira foi, dos tres partidos, o primeiro candidato en ser nomeado, «mentres outros se autoproclamaron en reiteradas ocasións antes de recibir o apoio público do partido».
A popular concluíu que «o certo é que ao único ao que abandonaron foi ao propio Orozco, xa que a súa tenente de alcalde deixouno na estocada e preferiu irse ao Parlamento porque non cre nas posibilidades do PsdeG para repetir na alcaldía de Lugo».