Partido Popular de Lugo

O GPPP dille a Besteiro que a súa actuación en materia de polígonos industriais só é exemplo de mala xestión

Lugo, a 16 de marzo de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular considera que o presidente da Deputación non é a persoa máis idónea para dar leccións sobre cómo promover a dotación de suelo industrial na provincia e moito menos de incentivar a instalación de novas empresas nos polígonos industriais existentes.

Así, os populares fanlle constar a José Ramón Gómez Besteiro que dende que se fixo cargo da institución provincial non se puxo en marcha ningún novo polígono industrial dos que Suplusa tiña en carteira.

Explican dende o GPPP que, por exemplo, o polígono de Ourol, que xa quedou rematado na etapa do anterior goberno provincial, está aínda pendente, case catro anos despois, de que a Deputación acondicione os accesos.

No caso do de Friol, o primeiro polígono promovido por Suplusa, principiase agora, ó remate de lexislatura, co soterramento da canalización eléctrica. Tamén neste preciso momento contrátanse as obras dos accesos do ubicado no concello de Paradela ou as de ampliación do de Chantada e, segundo recalcan dende o GPPP, os veciños de A Fonsagrada seguen a agardar que Gómez Besteiro cumpra a súa promesa de dotar ó municipio cun parque empresarial.

Por todo elo, insisten os populares en que o traballo realizado neste eido pola Deputación non é exemplo de nada, agás de mala xestión e de desentendemento para co sector industrial da provincia. Contrapoñen a esta actitude, dado que Gómez Besteiro permitese opinar sobre o polígono de As Gándaras, que a Xunta de Galicia habilitou liñas de axuda para facilitar a compra de parcelas en todos os parques empresarias da súa competencia existentes na provincia, entre outras iniciativas encamiñadas a fomentar o desenvolvemento das empresas existentes e o asentamento de outras novas coma é o caso do propio plan Impulsa Lugo. Puntualizan asimesmo que o custo das parcelas de As Gándaras poderiase ter reducido considerablemente se a Xunta non tivera que ter aboado 16 millóns de euros polos terreos nos que se asenta.