Partido Popular de Lugo

Barreiro e Castiñeira propoñen a instalación da Comisaría Nacional de Policía no edificio de hospitalización da Residencia

Lugo, 16 de marzo de 2011- O presidente provincial do PP José Manuel Barreiro, xunto co candidato á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira avanzaron esta mañá en rolda de prensa, que presentarán iniciativas tanto no Congreso como no Senado para que o Ministerio do Interior estudie a construción dunha comisaría da Policía Nacional no barrio da Residencia.

A proposta dos populares está aberta a dúas opcións: Primeiro, que a comisaría se ubique  no edificio de hospitalización, se os informes que encargou xa a Xunta indican que é válida a estrutura do edificio. Segundo, no caso de seren negativas as análises dos técnicos propoñen que, no emprazamento do actual edificio de hospitalización, se faga un novo inmoble para albergar a comisaría.

Os populares insisten en que esta infraestrutura “sería moi positiva  para manter a actividade socioeconómica da zona á vez que melloraría a seguridade do barrio”. Para o Presidente Provincial José Manuel Barreiro, “non é o momento de perder oportunidades” polo que  “á vista das deficiencias e problemas de espazo que presenta a actual comisaría da Rúa Chantada é o momento de plantexarse que esta dotación permaneza neste barrio”. Barreiro suxiriu que  “mesmo se podería integrar o departamento de expedición do DNI e pasaportes que na actualidade ten o Ministerio na Avenida de Ramón Ferreiro co conseguinte aforro do aluguer desta oficina”.

Esta iniciativa xurdiu logo da reunión que os dirixentes políticos mantiveron na noite do pasado luns no colexio Menéndez y Pelayo á que asistiron preto de 150 veciños e comerciantes da zona e na que se suscitou un vivo debate  sobre distintas opcións para o edificio de hospitalización. Chama a atención que, un comerciante,  dese a coñecer, nese foro, que hai recollidas máis de 600 sinaturas contrarias a que no edificio de hospitalización  se habilite unha residencia da terceira idade.

“Nós non renunciamos a que Lugo teña un centro da terceira idade pero ao noso entender  esta ubicación non é o lugar máis idóneo para este tipo de infraestruturas”, puntualizou o candidato á alcaldía de Lugo. Jaime Castiñeira  anunciou que tamén rexistrará no pleno  unha iniciativa para que sexa a corporación municipal a que inste ao Ministerio a tramitar a construción dunha nova comisaría da Policía Nacional en Lugo. 

Para Jaime Castiñeira o futuro do barrio da Residencia “pasa por consensuar unha alternativa que dea vida e actividade á zona . Con todo para o popular son irrenunciables  os servizos que están comprometidos pola Consellería de Sanidade para o materno (o maior PAC de Lugo, un centro de saúde, laboratorio de referencia de Galicia e unidades de fsioterapia e  saúde mental). 

O candidato popular puntualizou que “en canto se saiba cal é a decisión dos técnicos as administracións deberían ter clara cal é a súa aposta para esta zona”. No PP apostamos por facer aquí a comisaría da policía nacional para que o barrio non perda o movemento de persoas que tiña ata o de agora, ainda que nunca alcanzará os niveis do vello hospital”.