Partido Popular de Lugo

O PPdeLugo celebrará o vindeiro domingo en A Fonsagrada a súa quinta convención

Lugo, a 15 de marzo de 2011.- A quinta convención do Partido Popular de Lugo, que terá lugar o vindeiro domingo, día 20, en A Fonsagrada, desenvolverase en clave municipal.  O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, participará no encontro, que será inaugurado polo presidente provincial José Manuel Barreiro.

As vindeiras eleccións locais serán, en opinión dos populares, decisivas e non únicamente para os concellos, tamén para o conxunto do país. A tenor da situación económica actual, resulta inaprazable establecer un cambio de rumbo que permita devolver ós cidadáns a confianza nas institucións e na súa capacidade para artellar, tamén dende os concellos, os mecanismo que fagan posible a tan ansiada recuperación económica. 

Os populares entenden que o punto de partida dese necesario proceso de rexeneración pasa por asegurar a existencia de gobernos fortes en cada un dos concellos da provincia, centrados exclusivamente en resolver os problemas dos cidadáns ós que representan, e fondamente  comprometidos en asegurarlles un futuro mellor. Gobernos nos que, por riba de todo, imperen os principios de austeridade e máximo rigor na xestión.

Neste contexto, o PPdeLugo plantexa esta quinta convención coma un foro de reflexión sobre a optimización da xestión municipal no que participarán, entre outros cargos orgánicos do partido, todos os cabezas de lista nos comicios do vindeiro mes de maio. Neste ámbito tamén se insistirá na necesidade de recuperar a confianza da cidadanía na clase política, últimamente bastante devaluada, puntualizando que, do mesmo xeito que hai diferentes maneiras de gobernar, tamén hai xeitos distintos de entender a política. Convencer e sobre todo demostrar ó electorado esas diferencias será, por tanto, outra das claves sobre as que se profundizará durante a convención.