Quero, en primeiro lugar, pedir disculpas a todos e cada un dos veciños de Chantada porque cargos electos do Partido Popular no Senado, o Congreso e o Parlamento de Galicia non puidemos, como era a nosa intención, representalos debidamente nun dos actos oficiais da XXIX Feira do viño de Chantada como é a lectura do pregón.
Unha das obrigas dos representantes políticos electos, sexa cal sexa o partido ó que pertenzan, é precisamente a de representar ós veciños que democráticamente os elexiron para ocupar eses cargos. Digo esto porque parece que algúns descoñecen este detalle. E puntualizo ademais que ó congresista Joaquín García, os parlamentarios José Antonio García, Daniel Varela e Dámaso López e eu mesmo, en calidade de senador, fomos designados directamente polos habitantes desta provincia, entre os que se inclúe, lóxicamente, os veciños da comarca de Chantada.
Creo que non esaxero se afirmo que o acontecido onte en Chantada non ten precedentes en ningunha das moitas edicións que se levan celebrado desta festa de exaltación dos caldos dunha importante zona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra nin en ningún acto semellante dos moitos que se celebran ó longo e ancho da provincia para promocionar as excelencias dos productos máis significativos da nosa terra.
Poño por diante tamén que non responsabilizó deste feito insólito ós que, por imperativo das súas funcións profesionais cumpriron a orde recibida, senón ós que a deron. Puntualizo igualmente que entre o grupo de persoas ás que se nos impediu o acceso ó palco no que tiña lugar a lectura do pregón atopábase unha integrante do goberno galego, a secretaria de xeral de Familia Susana López Abella, que oficialmente fora convidada a participar no programa de actos e que tamén oficialmente confirmara a súa asitencia ós mesmos.
Penso que esta falta de respeto á que fomos sometidos onte, non como persoas individuais senón como lexítimos representantes dos veciños, é censurable, reprochable e, dende todos os puntos de vista, inaceptable.
Quero tamén, a través detas carta aberta, reiterar as miñas disculpas a todos os veciños de Chantada por no poder cumprir debidamente, como era o noso desexo, co noso cometido por culpa, insisto, da visión claramente partidista que algúns teñen das institucións.
José Manuel Barreiro, senador