Santiago, 9 de marzo de 2011.- O deputado do Grupo Popular Jaime Castiñeira lamenta que aos socialistas “só lles interesa a demagoxia”, o que lles impide admitir que o prezo das parcelas do Polígono Industrial das Gándaras se axusta ao custo real. Os populares presentaron hoxe no Pleno do Parlamento galego unha proposta intando a que Xestur achegue un informe sobre o custo real da urbanización para demostrar que o prezo de venda se axusta ao mesmo.
A proposta foi defendida por Castiñeira como emenda a unha iniciativa dos socialistas, que “seguen a xerar demagoxia”. O deputado lembrou que a Deputación de Lugo ten un representante no Consello de Adminsitración de Xestur. “Aos socialistas o único que lles interesa é a demagoxia e xerar polémica, co cal quen sae prexudicado claramente é Lugo”. Fronte a esta actitude, o PP pide “sentido común e aunar os esforzos de todos para conquerir investimentos e empresas para Lugo”.
O deputado do Grupo Popular resaltou que a venda de parte dos terreos por parte do Concello a Xestur por importe de 16,5 millóns de euros supuxo un incremento do prezo de venda das parcelas de arredor do 25%. Ademais, as condicións impostas polo Concello para o financiamento, cun xuro do 5%, foron “máis duras que as dun banco”, ata o punto de que Xestur recorreu no seu momento a un crédito bancario e decidiu anticipar o pagamento ao concello.
105 EUROS POR METRO CADRADO.- Castiñeira lembrou que o 25 de outubro de 2007, data da sinatura da venda dos terreos, a ex-conselleira de Vivenda do Bipartito anunciaba no concello que o prezo medio das parcelas ía ser de 115 euros por metro cadrado, mentres que neste momento o prezo medio está en torno aos 105 euros por metro cadrado, “que é o que corresponde aos custos reais”.
Así mesmo, destacou que “segundo as contas de Ricardo Varela e de Orozco, a urbanización saélles a 17 euros metro cadrado, máis 10 do terreo, o que dá un total 27 euros metro cadrado”, algo que demostra “un descoñecemento total e absoluto do que é urbanizar”. A ese respecto, Castiñeira asegurou non entender como, con eses pronósticos, “non o ficha unha gran empresa construtora”. “Eles fan as contas vendendo absolutamente todo e sen ter en conta outro tipo de gastos como os financeiros ou os do resto do terreo, preto de 800.000 metros cadrados”, apuntou.
O parlamentario popular explicou que no ano 2007 se lle pasou ao Concello de Lugo un informe dos custos, “no que se estimaba o custo en 103,3 euros metro cadrado, aos que hai que sumar os 3.125.000 euros de incremento da valoración feita polo Concello entre o convenio asinado en 2004 co Ministerio de Defensa e o modificado do mesmo que fixo en 2007, máis o IVE correspondente”.
Doutra banda, considerou que “É incrible que o señor Varela compare o polígono de Lugo con outros solos industriais como Guitiriz, Ponteceso, As Somozas, Oroso ou Melide”, xa que “Lugo é a cuarta cidade de Galicia en poboación e ademais estamos a falar dun polígono industrial con todos os servizos dun polígono de 5 estrelas”.
Doutra banda, o deputado lembra que o Plan Impulsa Lugo, no que a cidade ten, dentro dos criterios de localización, unha valoración máxima para calquera proxecto que se faga, achega unha serie de beneficios que poden chegar ata o 50% do financiamento do investimento total, incluído terreos, construción de naves, equipamentos e instalacións. Así mesmo, a Xunta modificou os criterios de venda, de xeito que antes só se permitía o pagamento ao contado e agora permítese o pagamento aprazado ata o 70% en tres anos, entre outras melloras.
Jaime Castiñeira remarca que “quen defende a verdade está a defender os intereses dos cidadáns, mentres que é a demagoxia o que interfire nos ditos intereses”, polo que pide reflexión, seriedade, rigor e rematar cunha polémica absurda impulsada por Orozco, que prexudica aos intereses de Lugo, xera desconfianza e retrae a demanda”.