Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR PIDE AO ESTADO UN SISTEMA DE CONTROL E SEGUIMENTO DAS DESCARGAS SINXELO E CLARO PARA COÑECER O CONSUMO REAL EFECTUADO DAS COTAS PESQUEIRAS

Santiago, 5 de marzo de 2011.- O Grupo Parlamentario Popular rexistrou unha iniciativa para o seu debate na Cámara galega a través da que reclama ao Estado que articule, dunha maneira sinxela e clara, e de xeito coordinado coas Comunidades Autónomas afectadas, un sistema de control e seguimento de descargas que permita un coñecemento diario do consumo efectuado sobre as diferentes cotas de pesca, especialmente da xarda, asignadas para a flota do Cantábrico Noroeste. Os autores da iniciativa, o portavoz parlamentario Manuel Ruíz Rivas e o voceiro do Mar Jose Manuel Balseiro, explicaron que, deste xeito, “evitarase o galimatías actual que fai moi difícil controlar o consumo de cota e, así tamén, evitaremos futuras sancións ao non incorrer en sobrepesca”.

COMPROBAR SE EXISTIU SOBREPESCA.- Os populares piden, en segundo lugar, ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño que esclareza si existiu ou non a suposta sobrepesca de xarda durante o 2010 tal e como defende a Comisión Europea. Reclaman ao Ministerio que non se limite a “dar por certos sen máis os datos que ofrecen desde Bruxelas” e comprobe se están ben contabilizados, “se son correctos”, pois en caso contrario, servirían como argumento para evitar a sanción pola que se lle obriga á flota española a devolver o dobre da cantidade supostamente sobrepescada.

Se a análise determina que efectivamente se produciu unha sobrepesca de xarda durante o 2010, os populares tampouco se conforman con que o Ministerio acepte sen máis a sanción, e na súa iniciativa piden ao Goberno central que promova unha modificación do Regulamento comunitario, o 165/2011, para que, en vez de devolver a cota correspondente durante os próximos cinco anos -como establece hoxe a normativa vixente- poidan facelo nun prazo máis amplo -de dez anos- “efectuando a compensación de xeito escalonado”. De empregarse este procedemento a incidencia negativa para a frota  galega sería menor, mentres que, de xeito contrario, o máis probable é que moitas embarcacións non teñan máis remedio que deixar de pescar xarda tras o esgotamento da cota.

MILES DE PERSOAS AFECTADAS.- Da decisión que se adopte a este respecto depende o futuro de miles de tripulantes e armadores galegos, do sector do arrastre do litoral e do cerco, que xa se están a ver afectados polo peche prematuro ordenado polo Ministerio “e que ademais podería ser inxustificado segundo os datos manexados polo sector”. Os populares lembraron que falamos ademais dunha flota “xa de por si castigada” polo recorte das cotas pesqueiras en 2011, tras “o fracaso da negociación” efectuada polo Goberno central no último Consello Europeo de Ministros de Pesca celebrado o pasado mes de decembro.