Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol asegurou que o Executivo que preside o socialista Jose Luis Rodríguez Zapatero vén de converterse no principal problema para a viabilidade e permanencia futura do sector pesqueiro galego. O deputado popular formulou a devandita acusación tras coñecerse que o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño renunciou á defensa dos intereses da nosa flota ante a Unión Europea, tal e como se lle estaba a reclamar desde o sector e desde a propia Consellería do Mar.
“O Executivo socialista non so fracasou de xeito estrepitoso na negociación das cotas pesqueiras para 2011 senón que ademais, está a fracasar na xestión dos stocks disponibles, e en todos aqueles aspectos nos que debera presionar á Comisión Europea e non o está a facer” – indicou Jose Manuel Balseiro.
O voceiro do Mar dos populares galegos exemplificou a posición de “debilidade e falta de peso político” do Executivo español na negativa do Ministerio a defender un aprazamento na devolución da cota de xarda que esixe a Comisión Europea a España e que desde a Consellería do Mar se reclamaba puidera efectuarse durante un prazo de 10 anos. “O Ministerio négase en banda a esta posibilidade o que indudablemente suporá o peche anticipado desta pesqueria e o amarre de gran parte da flota do arrastre de litoral” indicou Balseiro.
DEVOLUCIÓN DUNHA COTA XA DE POR SI INSUFICIENTE.- Jose Manuel Balseiro insistiu en alertar e responsabilizar ao Executivo socialista das nesfastas consecuencias que supón a obriga de devolver 4.500 toneladas de cota de xarda durante este ano, ao que lle seguiría outros 5.500 en 2012, e case 10.000 máis ata o 2015. Ademais sinalou que esta decisión cómpre sumar os efectos perniciosos da baixada en máis dun 13% nos límites de captura deste especie durante o 2011. “Están condenando a toda esta xente ao paro forzoso, e a todo un sector a deixar de traballar pese a que existe recurso máis que suficiente no mar” segundo o deputado popular.
Na pesquería da xarda participan, segundo as primeiras estimacións, 80 embarcacións galegas de baixura, repartidas polos portos de Burela, Foz, Celeiro, A Coruña, Ribeira e Vigo, ademais de decenas de arrastreiros, cuxos tripulantes e armadores están absolutamente convencidos de que as cotas asignadas, e negociadas polo Goberno central son absolutamente insuficientes. “Por si esto fora pouco, no día de onte a Secretaría General del Mar, dependente do departamento estatal que dirixe Rosa Aguilar, prohibiu a pesca de xarda para o sector do cerco e, a partir das cero horas do día 5 de marzo, para o sector do arrastre” indicou Balseiro.
POSICIONAMENTO A FAVOR DA FLOTA GALEGA.- “Nunca antes asistimos a un Goberno tan lesivo para os intereses da nosa pesca como o de Zapatero e nunca antes un gobernante fixo tanto dano a un sector que aspira a sobrevivir a pesar das dificultades que xa de por si ten a mundo do mar nos nosos días”- concluíu Balseiro Orol.
O voceiro popular insistiu en expresar o firme posicionamento do seu Grupo Parlamentario ao carón deste sector e sinalou como acertadas as xestións que se están a desenvolver desde a Consellería do Mar para suplantar a un Executivo central superado polos acontecementos e totalmente pasivo, que nin sabe nin pode defender os intereses da nosa flota diante das erradas decisións que ameazan o seu futuro.