Santiago, 1 de marzo de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha iniciativa parlamentaria coa que se interesa polas xestións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para evitar que o Goberno central protagonizara un retroceso no recoñecemento e visibilidade da profesión de mariscador/a.
Os populares interesanse así por este asunto despois de que o Consello de Ministros aprobara, o 26 de novembro de 2010, a través dun Real Decreto a nova Clasificación Nacional de Ocupacións dispoñendo a súa aplicación nas enquisas do Plan Estatístico Nacional a partir do 1 de xaneiro de 2011. Nun primeiro momento esta nova clasificación eliminaba a categoría profesional de mariscador/a, incorrendo nunha actuación gravemente lesiva para os intereses das traballadoras/es do mar en Galicia.
A devandita decisión do Executivo central socialista podería ter suposto, de levarse adiante, un retroceso evidente respecto das aspiracións e logros que vén acadando este colectivo profesional, de xeito destacado na nosa Comunidade, onde existe normativa específica relativa a esta profesión, tanto no relativo ao título habilitante para o exercicio da actividade como á formación necesaria para o acceso á profesión.
O GOBERNO CENTRAL RECTIFICOU.- De xeito afortunado, esta decisión parece que foi obxecto de reconsideración, por parte do Goberno central. Balseiro sinala que o Grupo Parlamentario Popular ten constancia de que foron intensas as xestións desenvolvidas pola Consellería do Mar na procura do recoñecemento desta profesión e para evitar as previsións iniciais do Executivo socialista que preside José Luís Rodríguez Zapatero.
DESCOÑECEMENTO DA REALIDADE DO SECTOR.- En opinión do voceiro popular “calquera outra decisión, que non pase polo mantemento da categoría profesional de mariscador/a suporía descoñecer a realidade do sector marisqueiro galego, que evolucionou dunha actividade meramente extractiva, na que se requiría principalmente esforzo físico, a habilidades de cultivo mariño moito máis complexas nas que son imprescindibles coñecementos técnicos e a experiencia necesaria para a obtención dos productos do marisqueo. 4.000 PROFESIONAIS DO MARISQUEO EN GALICIA.- A
As xestións da Xunta dirixidas á reconsideración inicial das pretensións do Goberno evita –segundo Balseiro- “que se sitúe aos profesionais do marisqueo ante unha situación de indefinición na súa capacitación e actividade e limita a visibilidade e recoñecemento dun colectivo que en Galicia ten unha grande importancia social e económica”. Non en balde, tal e como recordou o voceiro popular “son máis de 4.000 as profesionais que desenvolven a súa actividade en labores de marisqueo”.