Partido Popular de Lugo

Castiñeira acelerará a burocracia municipal para facilitar a creación de emprego

Lugo, 24 de Febreiro de 2011.- O candidato popular Jaime Castiñeira acelerará, se é elixido alcalde, a burocracia municipal para, dese xeito, facilitar a creación de emprego na cidade galega onde máis medra o paro. Este anuncio trasladóullelo á Xunta de Goberno e ao Consello Asesor da Confederación Empresarial Lucense (CEL), logo de manter unha xuntanza na que tamén participaron o Presidente Provincial do PP José Manuel Barreiro e concelleiros do GMPP.

Castiñeira entende que as demoras que se producen actualmente nas licenzas e os trámites do eido municipal son excesivas a todas luces para unha empresa con ideas de competitividade. Nese senso, o candidato popular subliñou que «quen asusta ás empresas está provocando que non se creen postos de traballo». Para combater o desemprego, Castiñeira propón que as licenzas de obras menores e de actividades se expidan no prazo dun mes, agás que precise de informes sectoriais doutra administración.

Rexistro Municipal de Empresas.- Outro punto abordado na Xuntanza desta mañá foi a creación dun Rexistro Municipal de Empresas, o primeiro compromiso público que adquiriu Jaime Castiñeira de cara á súa posible chegada á alcaldía do Concello. O obxectivo é “invitar a todos os empresarios a que se anoten neste rexistro para darlles participación nos concursos negociados nos que o concello contrate obras por importe inferior a 200.000 euros, ou servizos por un importe inferior a 18.000 euros”. Dese xeito, no momento no que se faga pública a contratación a empresa recibirá a invitación a participar  “co que todas as empresas terán a oportunidade de presentar a súa oferta”. 

Revisión do PEPRI e bonificación nas licenzas de apertura.- Amais do anterior, Castiñeira tamén avanzou que acometerá a revisión do Plan Especial de Protección de Reforma Interior (PEPRI) para adaptalo á realidade, posto que o Plan leva en vigor dende o ano 1997, sen que Orozco fora capaz de modificalo nos seus 12 anos á fronte do Concello, malia que o prometeu dende o seu primeiro ano de alcalde.

Asimesmo, haberá unha bonificación nas licenzas de apertura para os emprendedores.

Polígono das Gándaras.- Por último, Castiñeira tamén se referiu ao polígono das Gándaras e aclarou que o encarecemento das parcelas se debe ás modificacións introducidas polo bipartito sobre o deseño inicial. PsdeG e BNG reduciron o número de metros cadrados que se poden edificar para ampliar as zonas verdes, polo que o prezo das parcelas se encareceu «sensiblemente».