Partido Popular de Lugo

Bodegueiros e membros da Administración galega analizaron hoxe en Sober a situación do sector vitivinícola lucense

Sober, 19 de febreiro de 2010.-   Bodegueiros  e representantes da administración autonómica analizaron esta mañá en Sober a situación actual e as perpectivas de futuro do sector vitivinícola lucense. Con este acto, Novas Xeracións da provincia de Lugo segue a manifestar o seu apoio aos sectores estratéxicos da provincia, que son, segundo manifestou o seu presidente, Daniel Vega, “a clave para xerar emprego a longo prazo”.

Na xornada, a que deu inicio o candidato a alcaldía na localidade, Luís Fernández Guitián; participaron o propietario de bodegas Guímara, Pedro Manuel Rodríguez Pérez; o presidente do Consello Regulador D.O. Ribeira Sacra e dono de bodegas Décima, José Manuel Rodríguez González; así como a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon Riego; e a presidenta do PP de Sober, Raquel Arias. 

Durante a celebración na casa da cultura de Sober desta mesa redonda baixo o lema ‘Presente e futuro do sector vitivinícola’, o presidente provincial de NNXX manifestou que a agrupación está a cumprir co seu propósito de  “vivir no presente cerca da xente  e  da xuventude escoitando as súas inquedanzas”.  Ademais, Vega sinalou que  actos coma o de Sober “ son necesarios xa que é bo escoitar e analizar para logo actuar”. Desta maneira, o presidente provincial resaltou o interese da agrupación político-xuvenil de “coñecer as necesidades e de axudar a resolver no posible as dúbidas dos traballadores da nosa provincia”.

Pola súa banda, durante a clausura da xornada a presidenta do PP de Sober, Raquel Arias,  destacou o papel clave que a produción vitivinícola debe xogar no desenvolvemento da economía da zona sur da provincia, e non só pola existencia de preto de 23.000 parcelas dedicadas a este cultivo e polas 98 adegas existentes no consello regulador, senón tamén polas posibilidades turísticas que ofrece, sen que isto supoña renunciar a un maior desenvolvemento industrial da zona. 

Arias invitou a fomentar o enoturismo, aproveitando “a perfecta sintonía entre gastronomía, viño e paisaxe que ofrece a Ribeira Sacra”, sacando partido da crecente fama que os caldos da zona están a alcanzar no mercado nacional e mesmo en foros internacionais.

Raquel Arias subliñou que o apoio ao sector ten que vir dado en tres niveis: a través da concienciación das persoas vencelladas a este ámbito, da formación de traballadores –neste punto lamentou o escaso aproveitamento por falta de demanda que se ten realizado do ciclo adicado ao viño existente en Monforte- e do apoio directo das administracións coas dotacións para o entorno.

Ao fío deste último nivel, a dirixente popular significou que “as medidas de apoio das administracións deben vir a través da realización de infraestruturas para a zona e tamén mediante medidas directas aos particulares”. De xeito global, Arias expresou que o Goberno popular en Galicia ten dispostos nas últimas datas “arredor de 5 millóns de euros para o sector do viño na zona sur entre actuacións para a restructuración dos viñedos e melloras de dotacións dos espazos das vides”.

Por último, a delegada reivindicou a dimensión cultural do viño, afirmando que non só reporta “riqueza para as nosas terras”, senón que é “unha valiosa herdanza cultural e histórica”.

Con esta xornada, Vega recordou que Novas Xeracións continúa a “dar a batalla con seriedade e rigor apoiando aos sectores estratéxicos”  ao tempo que lembrou que no seu día organizou actos semellantes en Sarria, de apoio aos gandeiros e agricultores; e en Burela, para analizar  a situación do sector pesqueiro.