Partido Popular de Lugo

OS SOCIALISTAS REXEITAN UNHA PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA AMPLIAR A REDE NATURA 2000 CUMPRINDO OS CRITERIOS DA COMISIÓN EUROPEA

Santiago, 17 de febreiro de 2011.- O Grupo Parlamentario dos socialistas rexeitou hoxe, na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento, unha proposta do Grupo Popular para ampliar a Rede Natura 2000 cumprindo os criterios da Comisión Europea. O PSOE pretendía impoñer unha urxencia inxustificada ao trámite de exposición pública da proposta de ampliación e porcentaxes mínimas que non están reflectidas na Directiva Habitat da UE.

Fronte a esta iniciativa socialista, a deputada popular Emma Álvarez Chao presentou unha emenda “realista, contextualizada no territorio, equilibrada e susceptible de ser aprobada, xa que está baseada nos criterios de integración da Comisión Europea”.

Así, a emenda propoñía axilizar ao máximo os prazos para iniciar o trámite de exposición pública da proposta de ampliación de Rede Natura 2000 e ampliar a dita Rede en Galicia dacordo cos criterios de protección establecidos e as insuficiencias sinaladas no Anexo 2 das Decisións 2004/813/CE e 2006/613/CE da comisión da Unión Europea e que fan referencia preferentemente á representación dalgúns tipos de hábitats e especies.

O BIPARTITO NON DOU PASO ALGÚN PARA A AMPLIACIÓN.- Na súa intervención na Comisión, Álvarez Chao afirmou non entender a premura e o prazo esixido polos socialistas para iniciar o trámite de exposición pública da proposta de ampliación, que fixaban neste mesmo mes. Nese sentido, a deputada popular lembrou que a iniciativa defendida por Carmen Gallego foi rexistrada en setembro do pasado ano, “pedindo que se inicie durante ese mes o trámite”, malia o que “tivo que pasar medio ano para que a trouxera a comisión”.

Doutra banda, Emma Álvarez salientou que o Bipartito non dou paso algún para levar adiante a ampliación que agora solicita o PSdeG, e só existiu “un plano que nunca pasou dunha declaración de intencións”. Por iso, engadiu, “non están vostedes en condicións de esixir prazos”.

Así mesmo, lamentou que os socialistas, ao esixir unha porcentaxe mínima de ampliación voltara “ao debate caduco das porcentaxes” e lembrou que estas non aparecen reflectidas na Directiva Habitat “nin ten sido empregada pola Comisión para avaliar a idoneidade das propostas de LIC e ZEPA que conforman a rede”. Así, o enfoque porcentual “segue a ser un bride ao sol de igual xeito que o foi a súa política neste sentido ao longo da lexislatura que gobernaron”. Ademais, resaltou que “en ningún caso a Comisión Europea fixou unha superficie de Rede Natura para cada Estado Membro e menos aínda para as comunidades autónomas”.