Santiago, 17 de febreiro de 2011.- O director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia confirmoulle esta tarde no Parlamento á deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao que as concentracións parcelarias da comarca da Mariña están xa moi avanzadas. Concretamente, hai nesa comarca 8 zonas de concentración parcelaria en execución, das que as de Miñotos, en Ourol, Monte de Vilaformán, en Trabada, están xa pendentes da entrega de títulos aos propietarios.
Álvarez Chao plantexou unha pregunta sobre a situación dos ditos traballos na Comisión de Agricultura da Cámara galega, na que o director xeral de Desenvolvemento Rural anunciou que os títulos das de Monte de Vilaformán, en Trabada, entregaranse nun prazo de 15 a 20 días e as de Miñotos, en Ourol xa están no rexistro e se entregarán a finais de marzo ou principios de abril.
A parlamentaria agradeceu a mediación feita pola Xunta coa Deputación de Lugo para axilizar o arranxo dos viais da concentración parcelaria Val de Alfoz, “aínda que teñamos que lamentar que a vagancia a que nos ten acostumados” o presidente da Administración provincial “nos levara a retrasar a firma 73 días, prazos prudenciais para os socialistas galegos”.
INTERESE POLA SITUACIÓN.- A citada concentración, sobre a que a mesma deputada presentara iniciativas no Parlamento, está en fase de proxecto, mentres que as de Pereiro-Oirás, no mesmo concello; a de Mondoñedo Norte e de Sasdónigas, en Modoñedo; a de Frexulfe, no Valadouro; e a de Bogo, na Pontenova, atópanse en fase de acordo.
Emma Álvarez interesouse pola situación da cada unha das concentracións parcelarias da Mariña e a previsión de entrega dos títulos de propiedade das novas fincas, co fin de ter un coñecemento preciso dunha situación que afecta “a un colectivo amplo de veciños, con distintos intereses e usos da terra” e dado que os procesos de concentración parcelaria adoitan ser longos.
Doutra banda, a deputada resaltou que “estamos nun momento de incertidume económica, froito dunha xestión estatal de despilfarro e improvisación”, o que fai que aumente o interese por coñecer a situación das concentracións parcelarias e a data na que os propietarios poidan empezar a traballar as novas leiras.