Partido Popular de Lugo

OFENSIVA DO PARTIDO POPULAR PARA RECLAMAR O DESBLOQUEO DO TREITO ESTATAL DO CORREDOR DA COSTA PARALIZADO POR FOMENTO FAI PRETO DE DOUS ANOS

Burela, 14 de febreiro de 2011.- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, acompañado da senadora popular María del  Carmen Gueimunde e dos dirixentes populares en Xove (Demetrio Saleguiro), Cervo (Alfonso Villares), Burela (Jose María González Barcia), Foz (Javier Jorge Castiñeira) e Barreiros (Alfonso Fuente) deron a coñecer en rolda de prensa a ofensiva da súa formación política para reclamar o desbloqueo do treito estatal do corredor da Costa, paralizado por fomento fai preto de dous anos.

INCUMPRIMENTO LEGAL.- Malia que antes de finais de setembro de 2009 o departamento Ministerial que dirixe  Jose Blanco debera ter resoltas as alegacións respecto do trazado provisional desta vía esta situación que non se ten producido ata o momento. Esta circunstancia supón, segundo denuncian os dirixentes populares, un flagrante incumprimento da lei e unha evidente manobra dilatoria do Goberno socialista que está a dar mostras evidentes de que  non ten vontade algunha en executar esta obra.

De feito os populares significan que a normativa é moi clara, e no o artigo 34.9 do Real Decreto 1812/1994, de 2 de setembro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Estradas, establece taxativamente que a Dirección  Xeral de Estradas do Estado, no prazo de dous meses, contados a partir de que expire o prazo concedido para a información pública, emitirá un informe único no que se consideren todos os escritos presentados durante esta e propoña a correspondente resolución do expediente.

INICIATIVAS EN TODOS OS ÁMBITOS.- A ofensiva dos populares dará lugar ao rexistro de distintas iniciativas de impulso no Parlamento de Galicia,  nos respectivos concellos polos que transcorre esta vía e nas Cortes Xerais, instando ao Ministerio de Fomento a establecer un cronograma de execución concreto e a comprometer os investimentos necesarios e suficientes para facelo realidade. Na parte dispostiva da iniciativa piden tamén que no  prazo máximo de dous meses resolvan as alegacións que levan pendentes preto de dous anos.

NON SE COÑECE NIN TAN SEQUERA O TRAZADO DEFINITIVO.- Segundo o deputado popular José Manuel Balseiro preto de dous anos máis tarde, as manobras dilatorias do Goberno socialista central, non só están a privar aos veciños da Mariña lucense dunha infraestrutura vital para a vertebración e mellor conexión viaria da comarca, senón que incluso aínda non se coñece nin tan sequera cal será o trazado definitivo da vía.

RECORTES DE FOMENTO.- Todo parece indicar que o treito estatal do corredor é unha das actuacións máis prexudicadas polos recortes orzamentarios e en execución de obras decididos por Fomento Ano tras ano os  Presupostos Xerais do Estado recollen partidas mínimas para a execución desta infraestrutura, que non chegan a executarse. No 2011 os orzamentos elaborados polo Goberno socialista tan só destinan a esta vía 134.100 euros, menos do 10% do custe real da obra e unha cantidade que probablemente tampouco se executará. 

A XUNTA SI ESTÁ A CUMPRIR.- A falta de vontade e nulo interese do Ministerio de Fomento contrasta co compromiso e o traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia no seu ámbito de competencia, isto é, nos treitos de titularidade autonómica que unirán as localidades de San Ciprián (Cervo) e Ferrol. Só o investimento do Goberno que Preside Alberto Núñez Feijóo no tocante aos treitos lucenses xa superan os 30 millóns de euros, o que multiplica por dez as previsións orzamentarias do Goberno do Estado.

Cómpre lembrar, indicaron así mesmo na rolda de prensa que,  tras a chegada do Partido Popular á responsabilidade do Goberno autonómico comezaron, por primeira vez, as obras no primeiro dos treitos lucenses, entre Celeiro e San Ciprián, hoxe está a executar obras en gran parte do resto do trazado e a administración autonómica vén de impulsar a tramitación administrativa dos treitos pendentes no seu conxunto.