Partido Popular de Lugo

A comisión de Sanidade do PP di que o HULA marca un antes e un despois na atención sanitaria de Lugo

Lugo, a 9 de febreiro de 2011.- A comisión de sanidade do Partido Popular, que coordina José Manuel Piñeiro Somoza, mantivo hoxe unha reunión para valorar o desenvolvemento do recente traslado do Xeral Calde ó Hospital Universitario Lucus Augusti co que definitivamente o novo centro sanitario principiou a funcionar a pleno rendemento.

Piñeiro Somoza indicou que o balanzo da paulatina posta en marcha dos servicios hospitalarios, así como o traslado dos pacientes ingresados no vello hospital, pode calificarse de “éxito rotundo” xa que se levou a cabo sen incidencias salientables pese a “complexidade que un proceso destas características conleva”.

A este respecto, dende a comisión de sanidade do Partido Popular queren manifestar a súa “efusiva felicitación” a todo o equipo humano que “contribuiu a converter en realidade o que levabamos máis de dúas décadas agardando”. 

“Este longo e complicado proceso puxo de manifesto que Lugo, ademais de contar cun hospital punteiro en España, o mellor de Galicia nestes intres, dispón cun elenco de profesionais excepcionais que, coa súa adicación e esforzo, fixo posible que o resultado fora exemplar e, sobre todo, eficaz”, engadiu.

Piñeiro Somoza indicou que “todos os lucenses debemos sentirnos orgullos do HULA “porque marcará un antes e un despois na atención sanitaria na nosa provincia, tanto polas instalacións como polo equipamento punteiro co que foi dotado e polo persoal que nel traballa”.