Partido Popular de Lugo

OS POPULARES SALIENTAN QUE MAR CONCEDERÁ AXUDAS DE ATA 8.000 € POR EMBARCACIÓN E 1.500 € POR APARELLO SE RESULTARON DANADOS POLO TEMPORAL BECKY

A Mariña, 8 de febreiro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou que a Consellería do Mar outorgará axudas de ata  os 8.000 euros por embarcación e 1.500 euros por aparello, para compensar os danos provocados polo temporal Becky, que tivo  lugar a finais do ano pasado.

O devandito episodio atmosférico foi extremadamente virulento  en particular pola forza do vento de 120 km/h nalgúns puntos, e a forte vaga de mar que chegou a alcanzar a altura de vinte metros, e provocou a perda de vidas humanas, desbordamento de ríos, cortes de estradas, o amarre da flota pesqueira e considerables danos materiais en vías publicas, paseos marítimos, portos e establecementos mercantís e vivendas en zonas costeiras.

BENEFICIARIOS.- As axudas da Consellería  beneficiarán a persoas físicas ou xurídicas titulares de embarcacións e aparellos afectadas sempre e cando teñan porto base na nosa comunidade ou sexan artes e aparellos calados ou depositados en portos da nosa comunidade autónoma.

A concesión destas axudas terá carácter subsidiario e complementario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos (seguros, por exemplo) público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

PRAZO DE UN MES.- As solicitudes presentaranse no prazo de un mes a contar desde o día seguinte ao da publicación no DOGA desta axuda, polo tanto, ata o día 9 de marzo de 2011. As solicitudes presentaranse nos rexistros da Xunta, portelos únicos municipais ou a través de correo administrativo.

COMPROMISO DO GOBERNO FEIJOO.- Solventados os danos que o temporal provocou nas infraestruturas marítimas, a nova liña de axudas reflicte –en opinión de Jose Manuel Balseiro- o compromiso de colaboración do Goberno galego cos profesionais do mundo do mar e a súa total disposición para axudar a compensar uns danos nas embarcacións e aparellos de uso diario no seu traballo provocados por un temporal de dimensións extraordinarias.

O voceiro popular insiste en que desde o primeiro momento a Consellería do Mar actuou en apoio dos concellos afectados. Segundo as estimacións oficiais só entre Ribadeo e Mugardos os danos sobre as infraestruturas marítimas ascenderon a máis de 3,4 millóns de euros.