Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LOGRA O CONSENSO DO PARLAMENTO NA DEFENSA DO MEDIO AMBIENTE E DOS RÍOS GALEGOS

Santiago, 8 de febreiro de 2011.- O Grupo Popular logrou hoxe no Pleno do Parlamento o consenso da Cámara na defensa do medio ambiente e dos ríos galegos ao aceptar unanimemente unha emenda presentada polos populares a unha moción do Grupo Socialista, de xeito que o acordo insta a que se apliquen as mesmas condicións restritivas nos cauces dependentes do Estado que nos da Xunta.

Así, a iniciativa transaccionada a partir da emenda do Grupo Popular establece que se consensúen as mesmas condicións de restricións para todos os aproveitamentos hidroeléctricos, tanto os do Plan Hidrolóxico do Estado coma os do Plan que depende da Xunta de Galicia.

A iniciativa demanda tamén que se elabore un único Plan Sectorial Hidroeléctrico de forma coordinada entre as dúas administracións. Para tal fin, a proposta insta a que se constitúa unha comisión mixta entre Augas de Galicia e os organismos das demarcacións hidrográficas que dependen do Estado.

Os populares defenden que, dada a sobreexplotación á que están sometidos os ríos en Galicia, faise necesario intensificar os esforzos no que atinxe á defensa do medio ambiente, dos ecosistemas e da biodiversidade en todos eles. 

NON OUTORGAR NOVAS EXPLOTACIÓNS.- O deputado popular Daniel Varela, que defendeu a proposta finalmente consensuada, sinalou que “non hai ríos do PP e ríos do PSOE, senón ríos de Galicia”, polo que “debemos consensuar entre todos as mesmas normas protectoras do medio ambiente e dos nosos ríos”.

O Grupo Popular salienta que o Goberno galego aplicará un criterio altamente restritivo no que respecta aos aproveitamentos dos ríos. De feito, a norma  xeral será a de non outorgar novas explotacións e unicamente aprobar pequenas modificacións de caudal e potencia ás concesións que actualmente están en explotación, sempre e cando non se requiran novas obras e non implique impacto ambiental.

Pola contra, nas Demarcacións Hidrográficas de Galicia competencia do Estado avanzouse durante todos estes anos na  implantación de novos aproveitamentos hidroeléctricos, a pesar de que tamén se está a redactar o Plan Hidrolóxico correspondente a estas concas.