Santiago, 8 de febreiro de 2011.- O deputado autonómico e voceiro popular en Lugo Jaime Castiñeira expuxo esta tarde no Parlamento de Galicia que o PSOE está a enredar cos usos futuros dos edificios da Residencia con claro síntoma de culpabilidade, cos «remordementos de conciencia do que estivo catro anos no goberno da Xunta e non deixou absolutamente nada previsto». O deputado autonómico Jaime Castiñeira argumentou no Parlamento galego que o PSOE alborota, sexa a través do alcalde López Orozco ou da ex-concelleira e deputada Concepción Burgo, para tentar en vano empañar a posta en marcha do novo hospital. O deputado manifestou que «cando eles puideron, non o fixeron, e agora lles molesta que os demais o fagan».
Castiñeira apelou á prudencia e ao sentido común, xa que entende que «sería moi fácil dicir a primeira cousa que se nos veña á cabeza, e ata propoñer que se fagan vivendas nos actuais terreos da Residencia», como dixo o señor Orozco no seu día. Por iso, o PP mantén o mesmo criterio á hora de decidir os usos para o edificio da Residencia, que é constituír unha Mesa de Traballo entre as partes afectadas (Concello, INSS, Xunta e Federación de Veciños e Comerciantes da Zona), para analizar a situación construtiva dos edificios, o uso máis idóneo para o edificio de hospitalización –dado que os outros xa teñen previsto usos concretos pola Consellería de Sanidade-, entre os cales o PP entende que pode ser positivo unha residencia.
Jaime Castiñeira fixo referencia ás “présas e a precipitación” dos socialistas, que demostraron xa cando pretendían recualificar a estación de autobuses para vendela.
Ante a falta de concreción da iniciativa, o parlamentario popular sinalou que a deputada socialista Concepción Burgo “non soubo contestar nin en qué edificio queren poñer a residencia de anciáns nin aclarar qué entenden por inmediatamente”.
PXOM.- O deputado popular afirmou que o edificio da Residencia segue quedando fóra de ordenación, logo de que o propio Castiñeira denunciase esta situación nun Pleno do Concello e instase a Orozco a modificar a Ordenanza de equipamentos. Antes figuraban tres plantas -baixo máis dúas-, e agora, a pesar da modificación, segue quedando baixo máis cinco, isto é, 6 plantas. A maiores, plantexan o retranqueo de dez metros, o cal non se cumpre na realidade.
SENTIDO COMÚN.- «Pódeno dicir moitas veces, dende asesores ata alcaldes ou deputados e en todos os foros que queiran, no Parlamento de Galicia, no Concello de Lugo, en roldas de prensa diante do vello hospital… que o PP vai manter unha postura común, prudente e baseada no sentido común», argumentou o parlamentario popular. Nesta liña, subliñou que «moi nervioso ten que estar Orozco, que leva doce anos á fronte da Alcaldía e máis de 1.100 millóns de euros que pasaron polas súas mans e, ante a falta de feitos que mostrar na campaña, ten que recorrer ás demagoxias para mobilizar á xente”. Por outro lado, Jaime Castiñeira lembrou que a Federación de Veciños apostou por facer unha mesa de traballo como plantexa o Partido Popular.
Igualmente, recordou que no edificio do Materno e no da antiga escola de enfermería irán un centro de saúde, un PAC, unha unidade de saúde mental, unha unidade de fisioterapia e o Laboratorio de Referencia de Galicia.
Doutra banda, ante as declaracións da deputada socialista Concepción Burgo, Castiñeira lembrou o éxito dun traslado no que non houbo ningún problema con ningún enfermo, polo que “deberamos estar todos felicitándonos e, en cambio, os socialistas están a poñer problemas en lugar de preocuparse polo funcionamento dos buses urbanos e polos gorrillas que se trasladaron para o Hospital”, algo que “é unha competencia clara do Concello”.
Castiñeira aproveitou o debate da proposición non de lei para instar a Concepción Burgo a manter unha xuntanza con Orozco e, dese xeito, conseguir que o que fóra o seu xefe durante a súa etapa como concelleira, organice patrullas de vixiancia da Policía Local en cooperación coa Policía Autonómica, posto que o corpo dependente da Consellería de Presidencia si está facendo un control da zona e a seguridade do barrio tamén é competencia municipal.
Jaime Castiñeira resaltou tamén que Orozco leva 12 anos como alcalde e o traslado do Hospital estaba previsto desde o momento en que se iniciaron as obras do novo, polo que “a falta de previsión total e absoluta por parte do Alcalde de Lugo é evidente, xa que non foi quen de plantexar en ningún momento proxecto alternativo algún para o barrio”.