Partido Popular de Lugo

O BNG REXEITA NO PARLAMENTO UNHA PROPOSTA DO PPdeG PARA QUE A XUNTA ELABORE UN PLAN DE RECUPERACIÓN DO POTENCIAL FORESTAL DA ZONA AFECTADA POLO NEMATODO DO PIÑEIRO

Santiago, 3 de febreiro de 2011.- O BNG rexeitou esta tarde, na Comisión de Agricultura do Parlamento galego, unha proposta do PPdeG que instaba á Xunta a elaborar un plan de recuperación do potencial forestal da zona afectada polo nematodo do piñeiro, incluíndo novas reforestacións e traballos silvícolas e contemplando a posibilidade de crear unha liña de axudas específicas apoiándose no PDR.

A deputada e voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, presentou unha emenda a unha iniciativa dos nacionalistas, que pedían actuacións xa desenvolvidas polo Goberno galego. “Os prazos que pretenden impoñerlle á Xunta son prazos que xa veñen marcados na propia lexislación”, apuntou a deputada, quen fixo fincape en que a erradicación da praga do nematodo non será posible “sen o esforzo de todos e sen a colaboración unánime de todos os axentes económicos e sociais que poidan estar afectados polo tema, independentemente das ideoloxías de cada un”.

ACTUACIÓNS DESDE QUE SE DETECTOU A PRAGA.- Álvarez Chao lembrou que a Consellería de Medio Rural está a desenvolver actuacións desde o momento en que se detectou a praga, tanto de erradicación coma normativas e informativas, cuxo investimento acadará os 7 millóns de euros, segundo declarou o propio Conselleiro. Así, referiuse ao Plan de acción para a erradicación do nematodo; á publicación dunha resolución de declaración da praga en novembro, dun anuncio en decembro publicando as parcelas afectadas e dando a posibilidade de que os particulares corten na zona de erradicación; e dun decreto declarando a utilidade das medidas así como das liñas de actuación e compensacións económicas,

Igualmente, fixo referencia ás reunións informativas con alcaldes,propietarios forestais, industrias da madeira e Administración, así como da Comisión Permanente do Consello agrario de Galicia, ás instrucións sobre permisos de corta e ás cortas realizadas pola Administración das árbores con síntomas de decaemento. Ao mesmo tempo, instalaronse oficinas de información en Salvaterra e nas Neves.

Precisamente, o Grupo Popular propoñía na súa emenda manter as oficinas de información habilitadas nos concellos de Salvaterra e As Neves polo menos ata que se dea por rematada a corta e saca na Zona de Erradicación, así como promover desde Galicia un adecuado axuste da normativa comunitaria para lograr a maior eficacia na prevención e loita contra a praga que produce o nematodo.