Partido Popular de Lugo

EMMA ÁLVAREZ SALIENTA QUE OS USOS AGRÍCOLAS, GANDEIROS E FORESTAIS QUEDAN EXENTOS DE PAGAR O CANON DA AUGA E QUE A NOVA LEI NON OBRIGA A POÑER CONTADORES

A Fonsagrada, 2 de febreiro de 2011.- A nova Lei de Augas “non crea novos tributos, senón que mellora os existentes” e o canon da auga “será o segundo máis barato de España”. Así o puxo de manifesto hoxe nunha rolda de prensa na Fonsagrada a deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao, quen salientou que os usos agrícolas, gandeiros e forestais quedan exentos de pagar o canon da auga e que a nova lei non obriga a poñer contadores.

A ese respecto, a deputada do Grupo Popular criticou as campañas “de intoxicación e falsidades” desenvolvidas por BNG e PSdeG contra esta nova norma. “Queremos tranquilizar aos veciños e clarexar todo o referente a esta nova taxa”, apuntou a parlamentaria, quen destacou que na práctica tampouco terán que aboar o canon os usuarios de captacións propias ou comunais, xa que a lei establece para elas unha bonificación do 90%, “polo que o seu cobro resulta antieconómico para a administración”. Para quen se abasteza de pozos particulares “non compensará cobrarlles cantidades tan pequenas que non cubran os gastos de recadación e así o prevé a lei”, explicou Álvarez, para dar resposta ás “falsidades” difundidas polo BNG.

En canto ao PSdeG, a deputada salientou que os argumentos que utiliza “con contraditorios coas emendas que presentaron á Lei cando entrou  no Parlamento”. Así, lembrou que, na súa emenda 142, os socialistas pretendían introducir na lei un artigo que sancionaba aos que non tiveran contador, cando a lei aprobada “establece que a carencia de contador non será sancionable nos supostos de estimación obxectiva”, polo que a realidade “é xustamente o contrario do que o PSdeG declara”.

DOBRE MORAL DA OPOSICIÓN.- Así mesmo, ese partido propoñía nas súas emendas incorporar progresivamente á rede pública as traídas de augas veciñais, ante o que Emma Álvarez preguntouse se “este aspecto da súa proposta o está a expoñer a señora Gallego nas distintas charlas que fai pola provincian perante comunidades de usuarios”.

A deputada popular fixo fincapé en que “non se vai pagar máis”, senón que “o que se vai facer é unha tarificación diferente en función do consumo e, polo tanto, aqueles que son conscientes da importancia de aforrar auga sairán beneficiados”. Igualmente, indicou que a nova lei ven imposta pola transposición dunha Directiva europea, a Directiva Marco da Auga, de obrigado cumprimento para todos os países membros.

Emma Álvarez censurou a “dobre moral no proceder da oposición”, que critica agora unha lei “que cando gobernaban iniciaron o seu impulso mesmo con maiores previsións de recadación, ademais de incrementar o número de tributos con respecto á lei de augas actual”.