Becerreá, 1 de febreiro de 2011.- Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Daniel Varela e Isabel García Pacín salientaron hoxe, nunhca charla informativa que tivo lugar en Becerreá, en relación coa nova Lei de Augas, que o canon de auga que vén a substituír o actual canon de saneamento e é unha esixencia da Directiva Marco da Auga Europea que establece que “antes do 2010 o recibo da auga que pagan os cidadáns europeos deberá incluír todos os custes de subministro incluíndo o tratamento e xestión das augas residuais”.
Os parlamentarios do PPdeG destacan que o novo canon incentivará o uso responsable da auga, xa que se establecerá por treitos de consumo e dependerá do número de residentes na vivenda. De feito os populares insistiron en que “non se vai pagar máis” senón que o que se vai facer é unha tarificación diferente, en función do consumo e no que aqueles que son conscientes da importancia de aforrar auga salgan beneficiados. Varela –ponente no Parlamento da dita Lei- e García Pacín insisten en que un 30% dos abonados pagarán menos do que o están facendo actualmente. Ademais, haberá bonificacións do 50% para as familias numerosas. Os deputados populares poñen como exemplo do que sucederá que unha familia con tres fillos que agora mesmo estea a abonar 12 euros pasará a pagar soamente 6.
REBATENDO FALSOS ARGUMENTOS DO BNG.- Os deputados populares acusan ao BNG de estar facendo unha campaña de intoxicación “porta a porta” e de ahí que corresponda clarexar todo o referente a esta nova taxa. Daniel Varela e Isabel García Pacín explican que “os usos agrícolas, gandeiros e forestais quedan exentos do pagamento do canon da auga” e que “na práctica tampouco terán que aboar os usuarios de captacións propias ou comunais, xa que a lei establece para as comunidades de usuarios, traídas veciñais e pozos particulares unha bonificación do 90%, polo que o seu cobro resulta antieconómico para a Administración”.
Os deputados resaltan tamén que é “rotundamente mentira” que haxa que pór obrigatoriamente contadores.
USO RACIONAL E SOSTIBLE DA AUGA.- A nova Lei de Augas “establece un novo marco xurídico galego que garantirá a auga en calidade e cantidade á cidadanía, promovendo un uso racional e sostible, o que implicará unha mellora na xestión dos recursos hídricos de Galicia”, sinalan os deputados do Grupo Parlamentario Popular, para os que resulta “incrible” que os nacionalistas “continúen coa súa teima de oporse a todo o que supón un claro beneficio”.
“Os nacionalistas demostran que non teñen nada positivo que achegar ao dedicar o tempo a desinformar e crear alarma con falsidades”, apuntan os deputados, quenes insisten ademais que a Lei de Augas ven imposta pola transposición dunha Directiva europea de obrigado cumprimento.