Partido Popular de Lugo

O Partido Popular confía en Marta Rodríguez para recuperar a Alcaldía de Samos

Samos, a 26 de xaneiro de 2011.- O Partido Popular de Samos  celebrou hoxe un ágape de confraternidade de afiliados e simpatizantes que foi aproveitada pola dirección provincial para confirmar a Marta Rodríguez González como cabeza de lista da candidatura popular ás vindeiras eleccións municipais neste concello. 

No encontro, desenvolvido a primeira hora da noite nun restaurante da localidade, participaron, entre outros cargos orgánicos do partido, o presidente provincial José Manuel Barreiro, o secretario xeral da formación José Manuel Balseiro, o responsable da agrupación local Martín Chaos, o actual voceiro municipal Manuel López e o ex alcalde Carlos Belón.

Barreiro amosouse confiado na capacidade de Marta Rodríguez “para ilusionar” ós veciños de Samos e para convencelos de que o Partido Popular con ela ó fronte é o único que pode garantizar “un futuro próspero para este concello”. Tras salientar que o PP gañou as muncipais de 2007 (“con máis de seis puntos por riba do PSOE”, segundo puntualizou), ó final quedouse na oposición porque “os perdedores uníronse para evitar que puideramos gobernar”. 

O líder dos populares lucenses insistiu en que “non podemos deixar que esa situación volva a repetirse” polo que instou a todos os asistentes a traballar con “intensidade e entrega” na “imprescindible labor de transmitir o proxecto do Partido Popular e de facer posible que Marta Rodríguez sexa a próxima alcaldesa de Samos para que este municipio volte a vivir as épocas bonanza como as vividas con Belón”.

Marta Rodríguez González
Naceu en Samos o 19 de setembro de 1975. Está casada e ten unha filla. É inxeñeira técnica en Química Industrial e traballa como profesora de formación vial. Inicia agora, como cabeza de lista do Partido Popular, a súa andaina política.