Partido Popular de Lugo

O GPPP acusa á Deputación de retrasar catro anos a mellora dunha estrada en Riotorto

Lugo, a 26 de xaneiro de 2011.- A Deputación de Lugo retrasou deliberadamente e durante catro anos o arranxo dun tramo de preto de seis quilómetros na estrada que comunica Marco de Alvare e As Rodrigas no municipio de Riotorto.

Así o asegura o Grupo provincial do Partido Popular dado que o goberno provincial ata o pasado luns non  avanzou nada no desenvolvemento do expediente, pese a contar con todos os requisitos previos pertinentes dende o 16 de marzo de 2007.

Os populares salientan que na mencionada xunta de goberno celebrada en 2007 aprobouse o expediente de contratación da obra de arranxo desta estrada entre os puntos quilométricos 0 ó 5,8. De feito, deuselle o visto bo ó plego, ó gasto, someteuse a información pública, iniciouse o expediente de licitación e mesmo declarouse uxente a súa tramitación e adxudicación. 

Os populares enfatizan que o acontecido con esta estrada de Riotorto, “por desgracia”, non é un caso aillado, senón que constituiu un proceder habitual do goberno da Deputación lucense durante o que leva transcurrido de lexislatura, que amosa así estar máis preocupada por buscar rédito político das súas actuacións que de mellorar a calidade de vida dos veciños que ten o deber de defender. 

“A Deputación privou durante catro anos ós habitantes de Riotorto de contar cunha estrada en mellores condicións por puro capricho”, recalcan dende o GPPP.