Santiago, 12 de xaneiro de 2011.- O Grupo Parlamentario Popular emprazou ao PSOE a acudir ao xulgado se ten constancia da existencia de irregularidade algunha no reparto das axudas dos danos ocasionados polo Prestige. O devandito emprazamento xurde despois de que a portavoz de pesca socialista, Marisol Soneira, criticara o suposto “desleixo” da Consellería do Mar por non ter actuado ante unhas supostas irregularidades. Os populares consideran que a Xunta de Galicia non pode actuar en base a “rumoroloxía” e lembran que a Consellería xa explicou que “non ten constancia oficial de ningunha investigación xudicial, nin procedemento algún” iniciado en relación con esta cuestión.
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro amosouse “sorprendido” ademais polo comportamento dos socialistas, xa que durante catro anos de goberno bipartito a anterior Consellería de Pesca, que xestionaba o propio PSOE, non deu conta da existencia de ningunha irregularidade, nin impulsou investigación algunha respecto destas axudas outorgadas polos danos do Prestige.
CARMEN GALLEGO NA PICOTA.- Balseiro afonda neste argumento e considera que coa súa crítica Marisol Soneira está a “poñer na picota” á súa compañeira, a ex conselleira de Pesca, Carmen Gallego porque comportouse do mesmo xeito que a actual conselleira, “non deixándose levar por rumoroloxía”. O voceiro popular interpreta que ese enfrentamento interno dentro do PSOE pode ser o que leva a Marisol Soneira a efectuar estas críticas, “molesta” pola asiduidade coa que Carmen Gallego a suplanta “cando se trata de falar sobre asuntos pesqueiros e como interlocutora co sector”. Segundo Balseiro, “nada hai que dicir se estas dúas persoas teñen unha loita de poder dentro do PSOE, pero si cómpre lamentar que empreguen á Consellería do Mar para dirimir as súas diferenzas”.
OPOSICIÓN IRRESPONSABLE.- O voceiro de Mar dos populares, Jose Manuel Balseiro, está convencido de que o Grupo Socialista pretende facer política ficción e basea a súa petición de explicacións en feitos non contrastados. Ao mesmo tempo, lamenta que o PSOE teña adquirido este tipo de comportamento como pauta característica da súa labora de oposición “xa que amosa unha liña que como mínimo deberíamos cualificar de irresponsable” e insiste en que si Marisol Soneira precisa información ao respecto destas axudas pode preguntar por elas á súa compañeira de partido e anterior conselleira de Pesca, Carmen Gallego, quen non fixo público ningún reproche durante os seus anos de mandato.