Partido Popular de Lugo

Castiñeira presenta á Xunta Local os tres eixos da campaña electoral: economía, creación de traballo e servizos sociais

Lugo, 11 de xaneiro de 2011.- O Presidente da Xunta Local, Jaime Castiñeira Broz, reuniuse na tarde de hoxe cos membros da Xunta Local que el preside, xunto aos responsables de sección e distrito, aos que lles pediu un esforzo “aos seus” para conseguir en maio a alcaldía.

A economía, a creación de emprego e servizos sociais serán os tres eixos nos que xirará a campaña. “O Concello debe aproveitar as sinergias que se crean co Plan Impulsa e co Polígono das Gándaras”, afirmou Castiñeira, quen entende que para a xeración de traballo “hai que dar axudas e non perseguir”, como fai o goberno actual.  

 “Os tres son obxectivos ineludibles que está claro que Orozco xa non é capaz de resolver”, apuntou Castiñeira, e remarcou que o alcalde “despois de gastar 1.100 millóns de euros, non merece prórrogas nin cuartas oportunidades”.

Campaña multidisplinar.- Castiñeira anunciou unha campaña multidisciplinar co obxectivo de facer “chegar a nosa mensaxe  e as nosas propostas a través de todos os medios posibles”, ao tempo que se amosou partidario de combinar o traballo na rúa coa utilización das novas tecnoloxías.

Nese senso na reunión de onte presentáronse algunhas das estratexias de traballo a seguir nos próximos meses. Entre elas a máis inmediata é a campaña informativa do PXOM que se está a desenvolver dende o día seguinte á aprobación do documento. 

Están previsto un completo calendario de  reunións en barrios, no rural e con colectivos concretos. Asemesmo, tal e como se fixo con anterioridade, se atenderá na Oficina do grupo popular, de forma persoal e directa, aos interesados en consultar o documento urbanístico. 

Comité de campaña.- O Presidente da Xunta local tamén avanzou que nos próximos días se dará a coñecer o comité de campaña local. De momento confirmou que será Cristina Ares quen coordinará a elaboración do programa local. Neste momento a concelleira popular xa está a participar no equipo rexional que elabora as liñas mestras  do programa.

Pola súa banda a  secretaria local, Lourdes Yáñez será a responsable de comunicación interna.

Castiñeira, a única saída á crise.- Na reunión tamén interviu o presidente provincial do PP José Manuel Barreiro, quen se amosou “convencido ao 100% de que Castiñeira obterá a maioría absoluta o vindeiro 22 de maio”. Segundo o presidente, “é a única alternativa á saída da crise” e a que “un bipartito nos siga afundindo como afundiu aos galegos na Xunta”. Barreiro tamén animou aos asistentes a “traballar unidos”, porque “o obxectivo é claro e está cada día máis preto”.