Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR DEMANDA A ENTREGA DOS CUARTEIS DA GARDA CIVIL DE MONFORTE, SAMOS, ABADÍN, BAAMONDE E RIBADEO, NOS QUE AS OBRAS DE REFORMA OU REMODELACIÓN REMATÁRONSE HAI UN ANO

Santiago, 8 de xaneiro de 2011.- O Grupo Parlamentario Popular rexistrou a principios do pasado mes de decembro unha iniciativa parlamentaria na que insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central para demandar a entrega dos cuarteis da Garda Civil situados en distintas poboacións de Galicia nos que as obras de reforma ou remodelación rematáronse hai un ano. Entre estes cuarteis atópanse, na provincia de Lugo, os de Monforte, Samos, Abadín, Baamonde e Ribadeo, cuxas obras remataron entre decembro de 2009 e marzo de 2010.

A iniciativa foi rexistrada polo deputado Dámaso López antes de que a situación destas casas-cuartel fora recollida polos medios de comunicación e dela se fixeran eco outras forzas políticas. López salienta que o Ministerio de Interior “está a transgredir unha obriga institucional” ao non permitirlles o retorno ás casas-cuartel aos membros do Corpo, que se ven obrigados a residir en vivendas de aluguer. Nese sentido, lembra que a dita obriga institucional deriva do peculiar despregamento territorial das unidades do corpo, cuxos efectivos están sometidos a frecuentes cambios de destino, fixado moitas veces en localidades onde a ausencia ou inadecuación de vivendas, os altos prezos do aluguer e outros condicionantes dificultan aos gardas civís atopar un forgar onde residir coas súas familias. A residencia neste tipo de establecementos responde, ademais, a razóns de seguridade, e facilita o cumprimento das misións asignadas ás distintas unidades.

EN MONFORTE, COMO “OKUPAS”.- Na Casa Cuartel de Monforte as obras remataron en marzo de 2010, pero presenta “deficiencias de tal calibre que inducen a crer que a súa execución non tivo ningún tipo de seguemento” mentres 15 familias “seguen a pagar un aluguer porque non lles deixan ocupar as vivendas” e outras as utilizan “convertidas practicamente en okupas” xa que a Administración do Estado aínda non as recibiu.

“Resulta paradóxico que, cando en Monforte están totalmente rematadas e con todos os servizos dispoñibles para uso 12 vivendas, só pendentes de recepción polo Ministerio do Interior, nese cuartel haxa gardas civís que semellen ser delincuentes, xa que están a utilizar vivendas e zonas administrativas non recibidas pola Administración do Estado”, afirma Dámaso López.

En Samos, as obras do cuartel acabaron en decembro de 2009, pero dúas familias están a pagar un aluguer “ao non poder usar os recursos públicos aos que teñen dereito”, ao tempo que “entre todos aboamos outro aluguer por un local de oficina para que os gardas civís poidan desenvolver o seu traballo”.

RIBADEO, ABADÍN E BAAMONDE.- Tamén en decembro de 2009 remataron as obras do cuartel de Ribadeo, que seguen igualmente pendentes de entrega, o que obriga a 5 familias a vivir de aluguer mentre outras habitan no cuartel subsistindo con luz de obra. Tamén están rematadas as obras e pendentes de recepción nos casos de Abadín e Baamonde.

A proposición non de lei estende a petición a outros cuarteis en situación similar nas outras provincias galegas, nos que tamén se executaron obras entre 2009 e 2010 ao abeiro do Plan E.

A situación, explica Dámaso López, é que os gardas civís afectados e as súas familias “tiveron que abandoar os seus fogares e procurarse vivenda en réxime de aluguer” e agora, aínda que as obras levan tempo rematadas “non se lles permite o retorno, nin se reintegran os edificios ao patrimonio público do que proceden, porque non se reciben pero tampouco se solucionan os problemas que poidan ter xurdido”.