Santiago, 28 de decembro de 2010.- O voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, acusou a secretaria General del Mar do Estado, Alicia Villauriz Iglesias, de incorrer en descortesía institucional e nun desprezo ao sector ao preferir participar nun acto interno de partido –convocado polo PSdeG- en vez de facelo diante do Consello Galego de Pesca, máximo órgano de consulta e representación do sector pesqueiro, que no día de onte se reuníu para determinar a futura composición e as novas funcións que asumirá.
A pesar de que a Secretaria general del Mar do MARM foi convidada pola Xunta a participar no Consello Galego de Pesca para dar conta dos acordos acadados sobre os TAC e cotas de pesca para o vindeiro ano, esta asistiu finalmente a un acto ao que o PSdG-PSOE convocou paralelamente a todas as confrarías e representantes do sector pesqueiro para convidarlles a un “viño español”.
PREFERENCIA POLOS ACTOS FESTIVOS.- Os populares interpretan que os cargos do PSOE antepoñen a súa presenza nun acto festivo-folclórico en vez de facelo no foro onde está representado todo o sector pesqueiro galego e no que se analizan, debaten e dan conta das principais cuestións de importancia. O voceiro popular atribúe esta actuación a falta de experiencia e ao descoñecemento da Secretaria Xeral do Mar –quen foi recentemente nomeada- e a que pode estar mal aconsellada polos socialistas galegos. “Non cremos que, de ser consciente do desprezo no que incorre, cometera este grande erro que leva acarreado unha falla de respecto evidente co sector” indica o deputado popular.
SECTARISMO SIGNO DE IDENTIDADE DO PSdeG.- Jose Manuel Balseiro sinala que este tipo de actuacións amosan que o sectarismo segue a ser signo de identidade do PSdeG, como tamén o foi a Xunta bipartita, e lamenta que unha das primeiras decisións desta dirixente estatal sexa tan errada. “No MARM non deberan confundir o partidismo coa súa función institucional, e por exemplo podería aproveitar os foros e as institucións xa creadas para dar conta directa das xestións efectuadas na negociacións dos TAC e cotas pesqueiras para 2011”.
SONEIRA EN SEGUNDO PLANO.- Os populares salientan tamén un novo dato: que é Carmen Gallego e non Marisol Soneira quen se está a dirixir ao sector pesqueiro para convidalo ao acto de partido polo que atinou a vislumbrar que no seo do socialismo galego se está a substituír progresivamente a súa voceira parlamentaria de Mar, quen permanentemente queda desautorizada. Ademais, o voceiro popular ironizou sobre os rescoldos da etapa bipartita aludindo a que, na propia convocatoria de partido, o PSOE emprega o termo “Galiza”, topónimo empregado habitualmente polo nacionalismo e que ata o de agora non era de uso habitual dos socialistas.