Partido Popular de Lugo

O GPPP califica de oportunista e electoralista o novo plan de emprego anunciado por Gómez Besteiro

Lugo, a 25 de decembro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular tachou de oportunista e electoralista o novo plan de emprego anunciado polo presidente da Deputación.

Os populares recalcan que o goberno provincial non se preocupou ata agora de poñer en marcha políticas encamiñadas a promover a creación de postos de traballo pese a que os efectos negativos da crise económica neste eido son palpables dende hai máis de dous anos na provincia de Lugo, unha circunstancia sobre a que o GPPP leva alertando xa dende hai moito tempo coa presentación de iniciativas neste senso.

Recalcan dende o PP que o desentirese do bigoberno provincial por este asunto ponse de manifesto na paralización que sufriu o plan provincial polo emprego que, aínda que vixente dende o 2008, tamén se retrasou ata agora a súa activación, precisamente a seis meses vista da celebración das eleccións municipais.

Dende o GPPP, tras matizar que na actual situación calquer iniciativa que se poña en marcha en aras de impulsar a actividade económica é positiva, sobre todo se van directamente encamiñadas a crear postos de traballo, cuestionan a intención coa que xurde este plan, ó considerar que persegue únicamente acadar un rédito electoral e non respaldar e incentivar, como sería o lóxico e necesario na coxuntura actual, a actividade dos sectores productivos básicos da provincia.

Os populares, de feito, temen que este novo plan, ó que se adica ademais unha importante partida orzamentaria, convírtase nun sucedaneo do Plan E posto en marcha polo goberno do Estado e que só serviu para edulcorar momentáneamente as alarmantes cifras de desemprego e para executar obras que na meirande parte dos casos non eran prioritarias nin axeitadas dada a delicada situación económica pola que están a pasar as administracións públicas e que as obriga a facer recortes drásticos nas políticas que sustentan os servizos básicos de atención á cidadanía.   

Por todo elo, dende o GPPP acusan a José Ramón Gómez Besteiro de empregar todos os recursos da Deputación en beneficio propio, buscando sempre o rédito electoral para o seu partido e o do seu socio de goberno, despreocupándose de resolver os problemas e carencias que ten a provincia e os seus habitantes no seu conxunto no que atinxe á dotación de infraestructuras e á prestación de servizos básicos.

Insisten os populares en que este uso partidista dos fondos públicos non é un tema aillado senón unha constante na acción de goberno de Besteiro, como quedou patente recentemente co anuncio de construcción das residencias da terceira idade e mesmo co reparto de millóns para a execución de obras nalgúns concellos da provincia. En resumo, a Deputación estivo paralizada durante tres anos e medio e só agora, coas municipais preto, poñense en marcha medidas cuxa aplicación basease exclusivamente no interese partidista.

Os populares lamentan asimesmo que Besteiro opte por seguir ó pe da letra o modelo Zapatero de utilizar o drama das persoas que non atopan emprego, por culpa da mala xestión e das políticas erróneas aplicadas polo propio goberno central, para tentar arañar algún tipo de beneficio electoral.