Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2010.- O Grupo Parlamentario do PpdeG, a través do deputado Dámaso López, presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei para o seu debate en pleno, polo trámite de urxencia, na que insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno Central para que proceda á entrega e posta a disposición dos seus destinatarios das obras rematadas de reforma e remodelación de distintos cuarteis da Garda Civil en Galicia.
Na iniciativa, Dámaso López fai referencia en concreto aos cuarteis sitos en Oleiros, na provincia de A Coruña; Monforte, Samos ou Ribadeo en Lugo; Rodeiro en Pontevedra; ou Ribadavia na provincia de Ourense como exemplos pendentes de entrega. Para o Grupo Popular é urxente mudar a situación que atravesan os gardas civís que prestan os seus servizos nestes cuarteis ou noutros cunha situación similar xa que ademais de non poder contar cunhas instalacións dignas para levar a cabo a súas tarefas profesionais, imposibilitase o seu dereito a contar cunha vivenda e se lles causa prexuízos de caracter económico.
OBRAS REMATADAS.- Para o PPdeG trátase dunha situación inxusta tendo en conta que na maioría dos casos as obras xa están rematadas e non se entenden os motivos que xustifican que aínda non foran entregadas. Para os populares galegos o desenrolo da misión da Garda Civil como parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado pasa porque conten con todos os recursos necesarios para levar a cabo as súas tarefas e funcións con plenas garantías.
O PPdeG considera que o Ministerio do Interior, responsable dos seus servizos, as súas retribucións, destinos e dotación de medios e responsable polo tanto dos acuartelamentos, que contan na maioría dos casos con vivendas para os seus compoñentes e as súas familias, polo que urxe a súa entrega co obxetivo de garantir estas vivendas máxime unha vez que están rematados os seus traballos de remodelación ou reformas.