Lugo, a 15 de decembro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular tacha de “argucia mal argumentada” que o presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro pretenda xusticiar o “reparto sectario” de 9,5 millóns de euros con cargo ó plan extraordinario de obras amparándose nun “pretendido intento” por favorecer a creación de emprego.
Os populares salientan que as actuacións do goberno bipartito en materia de emprego durante estes tres anos e medio brilaron pola súa ausencia e lembran que o anterior goberno provincial deixou consignados nos orzamentos máis de 1,5 millóns (dunha partida total de 3.399.937,7 euros) para o Pacto provincial polo emprego para as anualidades 2008 e 2009 e que, pese a elo, “nada se fixo dende a Deputación a este respecto”.
Para o GPPP resulta “bastante sospeitoso” que a seis meses das eleccións municipais se pretenda xustificar un reparto millonario de fondos poñendo o acento na promoción do emprego, polo que se preguntan a razón pola que esta actuación non se levou a cabo hai un ano ou incluso dous, cando xa era patente o efecto negativo provocado pola crise económica no mercado laboral.
Os populares tamén inciden no feito de que, si un dos criterios aplicados para decidir que concellos se ían beneficar desta medida era a creación de postos de traballo, hai municipios que desgraciadamente presenta unha taxa de desemprego superior ós que finalmente foron seleccionados.