Santiago, 13 de decembro de 2010.- No seo da Comisión de Sanidade celebrada no día de hoxe no Parlamento de Galicia os socialistas reclamaron o uso como xeriátrico do edificio do antigo Hospital Xeral de Lugo a sabendas de que hai cuestións previas que o impiden. PSOE e BNG rexeitaron unha emenda do Grupo Popular que propoñía a creación dunha Mesa de Traballo na que se avaliase a viabilidade de poñer en marcha un xeriátrico no edificio do antigo Hospital Xeral. A día de hoxe estas vellas instalacións sanitarias están baleiras e sen uso, tras a apertura do novo Hospital Lucus Augusti.
Os populares pedían que a Xunta, o Concello, o Instituto Nacional da Seguridade Social, a Federación de Asociación de Veciños e a Federación Lucense de Comercio consensuaran a decisión final sobre o uso deste edificio baleiro e por iso reclamaban a participación destes axentes nunha Mesa de Traballo.
CUESTIÓNS PREVIAS A ESTUDAR.- José Manuel Balseiro, quen foi o encargado de defender a emenda popular, explicou tamén que antes de adoptar calquera decisión sobre o destino do edificio debía estudarse con rigor varios aspectos: a situación estrutural actual do mesmo, os usos permitidos na transferencia dos terreos por parte do INSS e a situación urbanística na que se atopa o edificio segundo as previsión do PXOM aprobado provisionalmente.
PETICIÓN IMPROCEDENTE.- Balseiro asegurou que era imprescindible analizar estes aspectos porque todos eles presentaban obstáculos para autorizar o cambio de uso do edificio, unha situación da que era plenamente consciente o PSOE e, pese a iso, presentaban unha iniciativa a sabendas de que o que nela pedían non se podía cumprir. O deputado popular lamentou polo tanto a demagoxia empregada polos socialistas e sinalou e amosouse convencido de que o que de verdade lle molesta aos socialistas é que tivera que ser un Goberno do PP o que puxera en marcha o novo hospital e o que porá en marcha aproveitando moitos dos edificios do anterior complexo hospitalario un novo centro de saúde, un hospital de día, a unidade de saúde mental ou o laboratorio de saúde pública.
USOS NON PERMITIDOS.- José Manuel Balseiro considera incomprensible que o PSOE non explique que existen informes elaborados por técnicos do bipartito que poñen en cuestión a calidade estrutural do edificio e que negan polo tanto que poida ser sometido a unha remodelación para albergar a residencia. Tamén lamenta que os socialistas oculten que cando o Instituto Nacional da Seguridade Social cedeu ao SERGAS os terreos nos que se atopa o antigo hospital condicionou esta cesión á usos sanitarios, polo que de crear alí un xeriátrico, os terreos reverterían de novo no Estado e polo tanto a Xunta non sería competente para dispoñer deles.
O PXOM DEIXA FÓRA DE ORDENACIÓN O EDIFICIO.- Con todo a maior das problemáticas que xurde cos futuros usos do antigo edificio de hospitalización do Xeral ten que ver cunha decisión adoptada polo Concello e polo Goberno municipal do que formaba parte a propia Concepción Burgo. O PXOM, que xa está aprobado provisionalmente, deixa fóra de ordenación o edificio, polo que non sería posible outorgar licenza nin para o cambio de actividade, nin para as imprescindibles obras de remodelación do centro, nin para o futuro uso destas instalacións. Balseiro emprazou á Concepción Burgo a explicar esta incoherencia e a asegurar con rotundidade que isto non era así, e que si poden outorgarse estas licenzas (de uso, de cambio de actividade e de obra), emprazamento que obviou responder a deputada socialista.