Burela, 11 de decembro 2010.- Patróns maiores dos principais portos da Mariña analizaron esta mañá en Burela a situación pola que está a pasar o sector pesqueiro na zona e a escasa incorporación da xente nova ás diferentes actividades vinculadas ao mar. Novas Xeracións coa organización da mesa redonda “Sector Pesqueiro. Fonte e Riqueza” reitera o seu “apoio a sectores estratéxicos e mantén a súa preocupación polos máis novos que se adican a agricultura, a gandería ou a pesca”. Así o puxo de manifesto o presidente provincial da agrupación político xuvenil, Daniel Vega, durante a xornada celebrada nas instalacións de ABSA e a que asistiron máis de medio centenar de traballadores do mar.
No acto participaron, entre outros, o patrón maior de Burela, José Basilio Otero Rodríguez; a de Ribadeo, Celia Pacio Fernández; e o de San Ciprián, Javier Sánchez Fernández. As súas ponencias centráronse no baixo índice de incorporación da xente nova ao sector pesqueiro e nos excesivos trámites burocráticos para acceder a un posto de traballo neste ámbito. Ante esta situación, Daniel Vega calificou de “fundamentais” actos como o celebrado hoxe en Burela para “trasmitirlle ás Administracións autonómica e central tanto as demandas da sociedade como os eloxios polo traballo que están a facer”.
No acto tamén estiveron presentes o candidato do Partido Popular na localidade, José María González Barcía; o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar, Pablo Fernández Asensio; e o xefe territorial de Mar, Vicente Prieto, xunto con outros membros de Novas Xeracións provincial e local.
González Barcia agradeceu a Novas Xeracións por “en pouco tempo acercarse por segunda vez a Burela e centrarse nun dos principais sectores da vila”. Así mesmo, o candidato popular resaltou que NNXX “exerce o seu traballo con responsabilidade lonxe da política con pancarta e do non polo non”.