Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO PPDEG, REALIZAR UN LABOR DIVULGATIVO SOBRE AS OBRIGAS DOS CONCELLOS NA PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2010 .- O Parlamento aprobou, na sesión da Comisión de Agricultura celebrada hoxe, unha iniciativa do PPdeG na que insta a Xunta de Galicia a realizar un labor divulgativo entre os responsables dos concellos sobre as obrigas que se conteñen na Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os incendios forestais así como dos procedementos administrativos a seguir para a súa execución mediante a realización de cursos, xornadas e outros.

A voceira de Medio Rural do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, encargada da defensa da iniciativa , recordou na súa intervención que “a xestión da biomasa en terreos privados corresponde aos seus titulares e os concellos asumen dita obriga só en caso de incumprimento dos particulares por vía da execución subsidiaria repercutíndolle os custos ás persoas obrigadas. 

Emma Álvarez criticou “a demagoxia vertida polos grupos da oposición” xa que antes e durante a campaña de alto risco de incendios demandaban que a  Consellería de Medio Rural  subvencionara ou procedera a desempeñar funcións de limpeza de núcleos “cando na realidade non é a súa competencia nin a súa responsabilidade segundo se establece claramente na Lei aprobada na etapa do bipartito na Xunta de Galicia”. Nesta se indica claramente a responsabilidade dos propietarios de parcelas privadas no entorno de núcleos habitados de manter estas en condicións tales que non favorezan a propagación de incendios e establece os concellos como administracións responsables de facer cumprir esta disposición e que poden proceder á execución subsidiaria “repercutíndolle os custos ás persoas obrigadas”.

DOUS MILLÓNS DE PROPIETARIOS DO MONTE.- A deputada popular indicou na súa intervención que a falta de limpeza “é un grave problema para o propagación dos incendios que comprometen a sustentabilidade económica e social de Galicia e unido ao minifundismo case forman unha sinal  de identidade da superficie forestal de Galicia”.Neste sentido indicou que a dificultade “se produce polo pequeno tamaño das explotacións, cun terreo medio de 2,5 hectáreas e que case o 68% dos montes galegos, segundo o último Inventario Nacional Forestal, pertence a particulares o que nos leva a estimar que hai case dous millóns de propietarios polo que a xestión é mais dificultosa”.

Segundo a deputada do PPdeG moitos dos responsables dos concellos “descoñecen as súas obrigas ou ben teñen dificultades para levar a cabo os procedementos administrativos necesarios para executalas polo que é primordial a labor divulgativa por parte da Administración pública”. Álvarez Chao engadiu que o incumprimento da norma e a dispersión poboacional, tendo en conta que en Galicia están a metade de núcleos de todo o territorio español, son determinantes “para que o noso Grupo entenda que esta iniciativa ten moita importancia en aras de dar a coñecer as súas obrigas aos responsables dos concellos así como os procedementos a seguir para que obren segundo a Lei”.